O SERGAS CREARÁ UNHA VÍA RÁPIDA DE ATENCIÓN SANITARIA E PSICOSOCIAL A MULLERES E NENOS EN SITUACIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 11 2022

O Servizo Galego de Saúde creará unha vía rápida de atención sanitaria e psicosocial a mulleres e nenos en situación de violencia de xénero, en colaboración cos dispositivos e axentes implicados nesta atención”. Así o anunciou a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, no transcurso da xornada Violencia de Xénero: Cribado e diagnóstico desde os servizos de saúde, que tivo lugar no salón de actos da Consellería de Sanidade.

A representante da sanidade pública galega manifestou que, no ámbito sanitario, “coñecemos a transcendencia deste grave problema e o seu impacto na saúde e somos conscientes da importancia que teñen as nosas actuacións para detectalo e contribuír a eliminalo”. Ao respecto, no Sergas “contamos cun grupo de traballo interdisciplinar que fai un gran labor” e que reúne a diversos profesionais que colaboran no deseño de actuacións e programas públicos en materia de violencia de xénero no ámbito sanitario.

Como consecuencia do conxunto de medidas postas en marcha, a xerente do Sergas destacou o Procedemento de cribado e actuación en saúde, elaborado a finais do ano 2020, “co obxecto de mellorar a detección temperá e establecer unhas pautas normalizadas que servisen de guía na busca activa de mulleres en situacións de violencia de xénero que acoden aos centros sanitarios da rede do Sergas”. Como novidade, -proseguiu a xerente-, “disponse dunha ferramenta que facilita a súa realización dende a historia clínica electrónica”, supoñendo vantaxes para os profesionais de cara á súa realización e seguimento.

Ademais, o pasado mes de outubro, o Observatorio Galego de Violencia de Xénero aprobou o Procedemento de atención a mulleres vítimas de agresión sexual e o Procedemento de actuación do Sergas ante casos de sospeita de submisión química. No que atinxe á actuación nos servizos de urxencias dos hospitais, a xerente remarcou que o procedemento de atención a mulleres vítimas de agresión sexual “axiliza aínda máis o acceso á atención sanitaria”, implicando ao persoal administrativo de urxencias que, ante unha solicitude de asistencia por este motivo, deberá informar inmediatamente ao persoal de triaxe para a súa atención. Así mesmo, -proseguiu Estrella López-Pardo- no triaxe quedará rexistrado como alta prioridade na atención, o que implica que a persoa debe ser atendida nos primeiros dez minutos. Ademais, para evitar a vitimización secundaria destas mulleres tras a agresión, “realizarase a avaliación xinecolóxica e forense nun só acto, realizando o recoñecemento de maneira simultánea e coordinada”.

Polo que atinxe ao segundo dos procedementos, o da actuación do Sergas ante casos de sospeita de submisión química, a xerente do Sergas sinalou que encamiña a actividade da asistencia sanitaria ao xulgado de garda e o Imelga, establecendo un proceso único, que dá unha resposta integral. No protocolo defínense as probas a realizar e como deben facerse, quen pode acompañar á vítima e como pode sinalarse na historia clínica a declaración. Asegúrase, tamén, o seguimento clínico posterior á exploración.

Colaboración e coordinación interinstitucional

Neste acto, tamén interveu a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, quen puxo en valor o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 co que, segundo apuntou, consolidarase a capacitación profesional como un dos eixos de actuación para que os traballadores do ámbito xurídico, dos servizos sociais e da sanidade, entre outros, poidan contar cos coñecementos necesarios para a detección dos casos, a prestación dunha adecuada atención e dispoñer de información e ferramentas que faciliten a derivación e unha intervención efectiva.

A Xunta de Galicia seguirá apostando pola colaboración e a coordinación interinstitucional para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero”, destacou López Abella, quen lembrou que a igualdade é unha área que verá incrementada a súa dotación orzamentaria para 2023 nun 41,4% ata os 44,5 millóns de euros. Reforzarase, así, a loita contra a violencia de xénero -que contará con 20,5 millóns, un 14,7% máis que en 2021- co obxectivo de inxectar máis recursos e prestacións para as vítimas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde