A XUNTA DE GALICIA APROBA AS BASES DE CARREIRA PROFESIONAL PARA TODO O PERSOAL DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 11 2022

A Xunta de Galicia vén de aprobar as bases de carreira profesional, no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e a dito organismo, logo do acordo unánime acadado polo Sergas e os sindicatos de mesa sectorial (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT).

En virtude do acordo, poderán concorrer á carreira profesional os profesionais de todas as categorías que están a traballar no Sergas -persoal médico, de enfermería, técnicos en coidados auxiliares de enfermería, persoal de administración, de oficios e celadores- tanto de Atención Primaria como de especializada e entidades adscritas como ADOS, ACIS, FP 061, Galaria e INGO.

O recoñecemento dun grao, unha vez superada a avaliación, leva consigo un complemento retributivo que supón un incremento medio do 6 % das retribucións do cal se poderán beneficiar no ano 2023 preto de 9.000 profesionais que están a traballar con vínculo temporal nas institucións sanitarias.

O acordo foi consignado nos orzamentos de 2023 cun importe de 14.323.879 millóns de euros.

Os custos no ano 2024 serán de 17.471.748 €, e no ano 2025 de 4.434.2781 €.

A carreira ordinaria estrutúrase nun grao inicial e catro graos. Ao grao inicial poderá acceder todo o persoal con vínculo activo no momento da súa primeira vinculación no Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas con opción aberta no seu expediente profesional no apartado de carreira profesional.

O ciclo completo de catro graos para persoal licenciado sanitario é de 22 anos, o que sitúa a Galicia por debaixo doutras comunidades autónomas coma o País Vasco que se sitúa en 25. Para o resto de colectivos (persoal sanitario e persoal de xestión e servizos) prevese un período de 24 anos.

Os graos I a IV serán iniciados mediante convocatoria que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Cada convocatoria determinará o prazo para poder presentar as solicitudes, requisitos e baremo aplicable.

Sistema transitorio de encadramento

O Acordo establece tres medidas excepcionais de encadramento para o persoal temporal con máis antigüidade:

1ª Un encadramento excepcional inmediato no grao I, semellante ao establecido no ano 2018 para o persoal fixo, dirixido ao persoal con 5 anos de servizos prestados no ano 2018. Ao que poderá optar todo o persoal con vínculo nos prazos determinados na convocatoria.

Esta medida beneficiará a máis de 8.000 profesionais, que a partir do mes de xaneiro de 2023 comezarán a cobrar un complemento retributivo que representará unha suba media do 6% nos salarios anuais.

2ª. Outro encadramento excepcional (no grao II), a convocar no próximo ano 2023, para o persoal que traballou no sistema público de saúde antes do ano 2012.

Esta medida beneficiará a máis de 5.000 profesionais, que desta forma poderán obter o recoñecemento dun segundo grado, con efectos económicos a partir do ano 2024. Xa que logo, acadarían dous graos en dous anos.

3ª. Efectos retroactivos, ata o ano 2018, do grao inicial do persoal temporal en activo nese ano e seguintes.

Esta medida beneficia a outras 8.000 persoas, que desde o ano 2024 poderían ter recoñecido o grao I de carreira profesional.

Todas estas melloras retributivas alcanzarán ao conxunto de categorías profesionais. Entre elas, o persoal médico beneficiarase dunha suba salarial anual de máis de 3.200 euros, e o persoal de enfermería de máis 2.000 euros.

As bases de carreira profesional tamén recollen os baremos adaptados as características de cada colectivo profesional, profesión ou categoría, así como o número de puntos necesarios para acceder aos sucesivos graos e puntuación mínima e máxima establecida así como tamén a composición das comisións de avaliación.

Enténdese por carreira profesional, o dereito dos profesionais a progresar de maneira individualizada como recoñecemento ao seu desenvolvemento profesional en canto a coñecementos, formación, experiencia, investigación, docencia e outros aspectos relevantes como as súas habilidades e compromiso coa organización.

O obxectivo do sistema de carreira é recoñecer e distinguir aos profesionais outorgando un recoñecemento obxectivo a súa competencia profesional, xerar máis corresponsabilidade e fomentar unha cultura de compromiso co sistema sanitario público, promovendo a actualización dos seus coñecementos e competencias e mellora da súa cualificación. Entre o seus obxectivos, atópase o de lograr un maior grao de motivación dos profesionais.


Co acordo de hoxe, o Goberno segue fiel ao seu compromiso de traballar por unha sanidade pública de calidade e pola mellora das condicións laborais.​ 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde