Os gabinetes de comunicación do Hospital General Universitario Gregorio Marañón e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña organizaron o VII Encontro de Responsables de Comunicación Sanitaria, no que participaron máis de 80 profesionais de institucións sanitarias de toda España. A reunión foi inaugurada polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.
Esta xornada, que conta coa colaboración do grupo Cardiva, é a única destas características que se celebra no noso país e ten como obxectivo analizar a comunicación sanitaria e o papel desempeñado polos gabinetes de prensa de hospitais e outras institucións sanitarias.
A comunicación é un elemento fundamental en calquera institución sanitaria
Quen se dedica a este labor leva a cabo accións que buscan atender as necesidades dos profesionais sanitarios a través da comunicación interna, ademais de envorcarse cos pacientes e as súas familias, con campañas que favorecen a información e o contacto entre eles. E, por suposto, dan resposta á demanda dos medios como canalizadores da información que precisan os cidadáns.
O programa do encontro, distribuído ao longo dun día, componse dunha inauguración institucional, seguida de mesas redondas e coloquios que promoven a participación e o intercambio de experiencias entre os asistentes.
Por último, entréganse galardóns ás mellores iniciativas en comunicación hospitalaria, presentadas en formato póster. Ademais, a axenda inclúe un xantar de traballo e unha cea de carácter informal que serve como peche da cita.
No ano 2022, a sétima edición desta reunión trasládase excepcionalmente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, para acompañar a esta institución sanitaria na celebración do seu 50º aniversario. Para iso, contará coa colaboración de Cardiva, Cardiva Galicia e iVascular.
Máis de 70 profesionais de institucións sanitarias de toda España participaron na convocatoria de 2021, que se centrou nas estratexias de comunicación fronte á Covid-19, unha época na que o traballo dos gabinetes de prensa dos hospitais foi inmenso. Desde esa edición e en diante, os organizadores conceden o Premio Gregorio Marañón ao mellor xornalista de hospital, que recoñece a dedicación de quen exerce o xornalismo desde o ámbito sanitario.
No acto de inauguración estiveron, ademais do presidente de Cardiva España, Ignacio Vega, o xefe de prensa do Hospital Universitario Gregorio Marañón, David García, e o xerente da Área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde Remeseiro.