​GALICIA SITÚASE COMO A CUARTA COMUNIDADE AUTÓNOMA CON MELLORES DATOS DE LISTAS DE AGARDA PARA CIRURXÍAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 11 2022

O sistema sanitario público galego sitúase como o cuarto con mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica, dentro do Sistema Nacional de Saúde.

Segundo o último informe publicado polo Ministerio de Sanidade, o tempo medio de espera para cirurxías en Galicia sitúase en 75 días, cando a media estatal está en 113 ( 38 días menos que a media española).

Así, a comunidade galega sitúase por detrás do País Vasco (64 días), Madrid (65 días), e Navarra (72 días). 

No que atinxe á porcentaxe de pacientes que agardan máis de seis meses para unha intervención, Galicia tamén é o cuarto territorio nacional con mellores datos. Así, este dato descende ata o 6,4% dos casos, soamente contando con mellores datos as Comunidades de Navarra (6%), Madrid (5,4%) e País Vasco (3.9%). Neste apartado, Galicia presenta uns datos significativamente mellores que os da media estatal, situada no 17,6% casos.

Finalmente, respecto dos tempos de agarda para acceder a unha primeira consulta, o sistema sanitario público galego sitúase en quinta posición, ao presentar 55 días de media (24 menos que a media española), fixada en 79 días.

A Xunta de Galicia agradece o labor e esforzo do conxunto de profesionais do Servizo Galego de Saúde, e segue a traballar na procura de acadar os datos de lista de espera históricos do ano 2019.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde