Outro ano máis o Complexo
Hospitalario Universitario A Coruña consegue destacar nos prestixiosos premios
Best In Class. Nesta ocasión os servizos galardoados son os de Urxencias e Medicina
Preventiva, ademais da Unidade de Neurociencias e Unidade da Dor, que repiten
por segundo ano consecutivo.
Este ano, ademais,
clasificáronse para a final dos prestixiosos premios Best in Class nas
categorías aos mellores servizos, os de farmacia hospitalaria en IMIDS,
neuroloxía, reumatoloxía e Medicina Física e Rehabilitación, así como á mellor
unidade de en Hepatite C.
“Recibir un premio, destacou Luis Verde
Remeseiro, xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, no acto de entrega dos
galardóns BIC 2022 celebrados esta tarde en Madrid, non é só un recoñecemento, senón un estímulo e un compromiso coa
excelencia, e temos que seguir traballando pola calidade e a atención aos nosos
pacientes.
En sanidade o éxito é o de cada día, porque o noso
triunfo é o de cada paciente que recibe a mellor asistencia. O noso compromiso,
como Hospital Público coruñés, é seguir loitando polo éxito, que non será noso, será
o de todos”.
Os Premios Best in Class teñen como obxectivo recoñecer públicamente ao
mellor centro de atención primaria, ao mellor hospital e a os mellores servizos
e unidades do territorio nacional, tanto públicos como privados, que buscan a
excelencia na atención que prestan aos seus pacientes. Tanto os gañadores como
os finalistas forman parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios
que se edita anualmente.
A concesión destes premios baséase na puntuación obtida
polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se
establece a partir da análise multivariable con entre 100 e 150 indicadores, e
entre eles destacan a atención ao usuario, a mortalidade, a taxa de infeccións,
todo elo en función da especialidade.