A XUNTA AUTORIZA A CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE OPERACIÓN TELEFÓNICA DE URXENCIAS SANITARIAS DE GALICIA-061 POR UN IMPORTE DE 10,2 MILLÓNS DE EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 12 2022
 

A Xunta de Galicia autorizou hoxe, na reunión do Consello, a contratación do servizo de operación telefónica (contact center) da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por un importe de 10.271.176,88 € para o período 2023-2026.

A contratación deste servizo facilitará o acceso inmediato do cidadán ao sistema galego de saúde e ao servizo 061 desde o lugar no que se atope; asegurará a resposta máis axeitada á demanda sanitaria, tanto se necesita unha consulta como se se trata dunha urxencia ou emerxencia sanitaria, e permitirá responder con tempos adecuados a todas as demandas sanitarias. Ademais establecerá un sistema de control e seguimento do servizo e posibilitará manter o elevado nivel de satisfacción amosado polos usuarios de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Así mesmo, a través da contratación do servizo de operación telefónica adecuarase o dimensionamento do persoal locutor e teleoperador acorde á evolución da demanda dos cidadáns e das horas reais de prestación do servizo en cada un dos anos nos que estea vixente.

Entre as melloras incluídas nesta contratación destacan as medidas de control do servizo que se realizarán a través da fixación duns estándares de calidade que no caso de incumprimento darán lugar a un sistema de penalidades á empresa adxudicataria. Ademais, os criterios de adxudicación contemplan melloras como o servizo de teletradución ou dunha bolsa de horas para reforzos ou situacións imprevistas.

Deste xeito, a contratación do servizo de operación telefónica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 garante a atención telefónica do persoal teleoperador e locutor da Central de Coordinación que ao longo do ano 2021 recibiu máis de 1.150.000 chamadas, o que supón unha media diaria de 3.172 chamadas. 

As chamadas recibidas na Central de Coordinación do 061 no ano 2021 xeraron un total de 493.743 procesos asistenciais, o 40 por cento dos cales resolvéronse sen necesidade de mobilizar recursos, mentres que o 60 por cento restantes necesitaron da mobilización.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde