O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no Parlamento de Galicia, que a Xunta de Galicia vén de adxudicar, por preto dun millón de euros, a obra de reforma da área de Radioloxía do Hospital da Mariña. O titular da carteira sanitaria lembrou que xa anunciara a renovación do TAC e a incorporación por primeira vez dunha resonancia magnética fixa. Ambos equipos están xa adxudicados por 408.000 e 810.000 euros, respectivamente, e esta obra de reforma permitirá acoller estes dous equipos.
En consecuencia, dixo o responsable do Sergas, o total de investimento para esa mellora do diagnóstico por imaxe no Hospital da Mariña, fundamentalmente para os pacientes oncolóxicos, é de 2,2 millóns de euros.
“Esta é a nosa forma de apoiar os hospitais comarcais”, -remarcou Comesaña-, ampliando as súas infraestruturas, dotándoos de novos equipamentos e conseguindo máis persoal “como imos lograr cos concursos de méritos que o Parlamento de Galicia autorizou á Xunta a facer para cubrir as prazas vacantes”.
Grazas ao plan de renovación da alta tecnoloxía sanitaria que a Xunta está a levar a cabo en toda Galicia, por un importe de 68 millóns de euros, será posible que, a partir do vindeiro ano, na área sanitaria de Lugo, funcione un equipo PET para facer probas de medicina nuclear que ata o de agora tiñan que facerse na Coruña. Xa está adxudicado tanto o equipo por 1,3 millóns de euros, como a obra para instalalo no HULA, que custará outro millón de euros. Polo tanto, 2,3 millóns de euros para dota desa nova tecnoloxía á área de Lugo.