O Hospital Universitario de Ourense é un dos dez hospitais de España
premiados polas súas iniciativas bioclimáticas e seu compromiso co medio
ambiente por parte da organización “Sanidade polo clima” que galardonou as
propostas máis ambiciosas en materia de descarbonización.
A finalidade da proposta dos premios “Sanidade polo Clima +10
Hospitais polo Programa de Saúde de Glasgow” é que o sector sanitario, no seu
conxunto, se sume ao cambio e contribúa a alcanzar os obxectivos climáticos de
España, recoñecendo os proxectos en materia de descarbonización mais innovadores
dos centros sanitarios, servindo así de exemplo e inspiración a outros
hospitais que queiran avanzar nesta dirección.
A iniciativa premiada do Hospital Universitario de Ourense foi
“Compromiso co Clima” é un proxecto integral e conta con medidas referidas á
diminución de emisións, uso de enerxías renovables, xestión de residuos, aforro
de auga e sensibilización de traballadores e pacientes. Así, destaca o seu
horto terapéutico nunha das cubertas do centro e a creación de zonas verdes
para mitigar o impacto da calor nunha das cidades que bate récords cada ano.
Compromiso medioambiental do Sergas
Este compromiso xurde da Conferencia das Nacións Unidas sobre o
Cambio Climático (OP26), celebrada en Glasgow, onde un grupo de 50 países
comprometéronse a desenvolver sistemas de saúde resilientes fronte ao cambio
climático e con baixas emisións de carbono, como resposta para os efectos do
cambio climático sobre a saúde das persoas.
Sanidade polo Clima é unha plataforma que aúna a diferentes actores
sanitarios comprometidos fronte á emerxencia climática, e entre as súas
funcións procura difundir e premiar ás institucións sanitarias que xa están a
actuar nesta liña, que xa se coñece como “One Health” vencellando a saúde das
persoas coa saúde do planeta.
O plan ourensán premiado é transversal e inclúe a toda a Area
Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, con medidas de coxeración de enerxias
alternativas nos tres hospitai. Asemade a nosa área é a única institución
sanitaria do país que participa no proxecto europeo “Life Resystal” (Climate
change REsilience framework for health SYStems and hospiTALs), que sentará as
bases dunha estratexia europea para a adaptación climática do sector sanitario
europeo.
No Hospital Universitario de Ourense e nos públicos de Verín e O
Barco de Valdeorras, faranse intervencións de cara a mellorar a resiliencia das
súas instalacións como, por exemplo, mediante corredores e paredes verdes, a
repoboación e a plantación de árbores ou sistemas de aproveitamento de
pluviais. O proxecto dará como resultado unha serie ferramentas que mellorarán
a adaptación das infraestruturas, co obxectivo tamén de trasladar en 2025, a
experiencia de Ourense a todas as infraestruturas sanitarias galegas.
Mostra deste compromiso do Servizo Galego de Saúde, tres dos dez
hospitais premiados son galegos, ademais do de Ourense o Lucus Augusti de Lugo e
o Universitario de Santiago de Compostela. O resto proxectos recoñecidos foron,
en Madrid, os de a Jiménez Díaz e o Gregorio Marañón, en Valencia o do Hospital de Manises; San
Juan de Dios de Zaragoza e Dr. Negrín, de Canarias.
O Lucus Augusti foi premiado polo seu 'Plan de Xestión do Carbono',
no marco do 'Low-carbon healthcare in the Mediterranean region de HCWH Europe'
e inclúe unha redución de emisións directas dun 33 por cento para 2030. O
seguimento anual do proceso realízase mediante o cálculo da pegada de carbono,
pola súa o obxectivo do Hospital Universitario de Santiago de Compostela é
conseguir un aforro enerxético e económico relevante sen reducir as condicións
de habitabilidade, seguridade e confort dos usuarios e profesionais deste
centro. Para iso, está a reformarse a produción térmica, por exemplo, coa
substitución de caldeiras, e estase mellorando a iluminación a través de
instalación de led e de sensores de presenza.
O acto de entrega de premios tivo lugar en Madrid, e o diploma
acreditativo foi recollido por Xavier Novoa Conde, subdirector de Recursos
Económicos da Área Sanitaria de Ourense, nun acto que serviu como xornada de
debate e intercambio de experiencias, á que asitiron representantes do goberno
central, servizos sanitarios autonómicos, profesionais e xestores, na que abordaron
as prácticas xa iniciadas para cumprir co Acordo de Glasgow do OP26e así como os
retos para os próximos anos.