Á ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS ACTIVOU O PROGRAMA DE ATENCIÓN ADMINISTRATIVA DO NOVO PLAN DE ACCIÓN DE ATENCIÓN PRIMARIA E COMUNITARIA 2022-2023
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 12 2022
 

 

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés acolleu hoxe no hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a activación do programa de atención administrativa do novo Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023, una iniciativa asistencial do Servizo Galego de Saúde que, cunha vixencia dun ano, incorporará a partires da vindeira semana para esta cobertura en centros de saúde dos distritos sanitarios de Pontevedra e O Salnés 8 efectivos de servizos xerais –PSX-, así coma 10 nutricionistas.

Esta iniciativa tamén crea catro equipos de soporte de Atención Domiciliaria con 8 novos profesionais de Enfermaría –dous por cada equipo- aos que se lles dota de vehículo e equipamento para que, a partires da vindeira semana, efectúen atención proactiva e valoracións xeriátricas integrais nas zonas rurais da Área Sanitaria, identificando factores de risco, necesidades asistenciais e derivando, se fora necesario, a unidades de Traballo Social, atención médica ou de enfermaría de Atención Primaria.

Os oito novos efectivos de Servizos Xerais para atención administrativa do novo Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023 desenvolverán a partir da vindeira semana a súa actividade de xeito itinerante polos centros de saúde desta Área Sanitaria, dando a coñecer aos pacientes os recursos tecnolóxicos dispoñibles e ensinándolles a utilizalos, co obxectivo de diminuír a fenda dixital. 

Así, os usuarios poderán recibir nocións de ferramentas coma a Chave365, o bo uso das aplicacións como E-saude, e incluso a obtención de informes diversos, evitándolles esperas e descargando a burocracia das consultas dos profesionais de Atención Primaria.

O Persoal de Servizos Xerais disporá de chalecos identificativos para efectuar estas tarefas en áreas de traballo que estarán localizadas en puntos de encontro específicos e sinalizados nos centros de saúde para tal actividade.


Actividade en ambos distritos sanitarios

No que atinxe ao distrito sanitario de Pontevedra, estes profesionais informarán a partir da vindeira semana aos usuarios dos servizos de Atención Primaria de Bueu, Marin, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, A Lama, Pontecaldelas, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Soutelo de Montes, Barro, Campolameiro, Caldas de Reis, Cuntis, Portas, Moraña, Sanxenxo e Poio. 

No distrito sanitario de O Salnés, os efectivos de Servizos Xerais informarán aos usuarios dos servizos de Atención Primaria de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Catoira, O Grove, Cambados, A llla de Arousa, Ribadumia e Meis.

Actividade dos nutricionistas no novo Plan 

Así mesmo, os dez nutricionistas do novo Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023 efectuarán en Pontevedra e O Salnés valoracións do estado nutricional dos pacientes, dando así mesmo soporte á prescrición de dietas e aportando consellos alimentarios, identificando factores de risco e dietas inaxeitadas, etc. A aposta pola promoción destas pautas de saúde é de gran importancia en patoloxías de grande prevalencia como a Diabetes Hipertensión ou a Obesidade.

Equipamento diagnostico e obras en centros de saúde

A activación integral da atención administrativa do novo Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023 incorpora un plan de equipamento diagnóstico para os centros de saúde de Pontevedra e O Salnés, que conta cun orzamento de 90.000 euros, así coma un programa de obras para habilitar os puntos de encontro e información do Plan nos centros de Atención Primaria con outra partida económica complementaria por valor de 126.000 euros.

Recursos tecnolóxicos

Así mesmo, esta iniciativa da Administración Sanitaria Pública galega en Pontevedra e O Salnés inclúe a compra de catro grandes pantallas -tamén denominadas tótenes- intelixentes, así coma a dotación de novos dispositivos multimedia tipo SmartPhone para efectuar as explicacións técnicas de funcionamento das aplicacións do Servizo Galego de Saúde aos usuarios da área sanitaria.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde