A INVESTIGACIÓN DE ONCOLOXÍA DIXESTIVA DE OURENSE REFORZA O SEU CRECEMENTO CUN NOVO LABORATORIO E MÁIS PERSOAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 12 2022

Coa inauguración hoxe das súa nova sede e laboratorio, na Área de Formación e Investigación do Hospital Universitario, o Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense (GIODO) consolida a súa posición, como referente da investigación en oncoloxía dixestiva do Sur de Galicia, e aposta polo seu futuro con máis persoal e asumindo directamente máis procedementos de laboratorio que ata agora derivaban.

Respaldando os seus obxectivos de futuro, estiveron presentas as máximas responsables das dúas institucións de investigación, coas que se coordina o Grupo, a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda, e a directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, que forman os tres hospitais do sur de Galicia, Beatriz Gil. Contando coa asistencia tamén do presidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ourense, Germán Rodríguez-Sáa.

O director de GIODO, Joaquín Cubiella, destacou o crecemento continuado do grupo desde a súa creación. Mostra disto, entre 2019-22 obtiveron financiamento, en convocatorias nacionais, para 10 proxectos de investigación; para outro en convocatorias europeas e para a contratación de tres investigadores, a tempo completo, que se suman a rede de oncólogos médicos e especialistas en aparello dixestivo do Hospital Universitario de Ourense, que colaboran en distintas liñas de investigación. O conxunto de investigadores publicaron un total de 97 artigos científicos e presentaron 31 resultados dos estudos en congresos internacionais.

O grupo está conformado por médicos dos servizos de Oncoloxía Médica e Aparello Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense e ten dous investigadores responsables: Jesús García Mata e Joaquín Cubiella. Os investigadores que compoñen o grupo son predominantemente médicos asistenciais, que compaxinan a investigación coa actividade asistencial nos centros da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Ademais, neste intre están contratados, con dedicación exclusiva, grazas a captación de fondos e bolsas para a investigación, unha investigadora postdoutoral (Cristina Regueiro), dúas técnicos de investigación (Astrid Díez e Ariadna Mato) e dous investigadores predoctorais (Pedro Davila e Jorge Hernández).

Referentes en Oncoloxía Colorrectal

O grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense (GIODO) está adicado de forma prioritaria á investigación clínica no ámbito da oncoloxía dixestiva, nos seus diversos aspectos: prevención, diagnóstico, historia natural e tratamento. O seu obxectivo principal é responder as áreas de incerteza para mellorar a asistencia diaria dos pacientes.

Co seu núcleo e orixe no servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, a súa traxectoria iníciase xa 2001, participando no estudo EPICOLON, e nos ensaios clínicos de referencia neste área COLONPREV, ParCoFIT, COLONPREDICT e EpoS. Que deron orixe a establecer a necesidade e posaterior posta en marcha de sistemas de prevención, como o cribado de cancro de colon que na actualidade desenvolve o Sergas, e no que participaron activamente.

Desde os seus inicios non deixaron de crecer e na actualidade é un grupo recoñecido como de potencial crecemento pola Axencia Galega de Innovación, forma parte do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas, e colabora na rede europea COST Transcoloncan . A súa actuación centrase especialmente no cancro colorrectal, o máis prevalente dos tumores dixestivos, e desenvolve tamén proxectos sobre tumores esofáxicos, gástricos e pancreáticos.

 Liñas de investigación actuais

Ademais dos proxectos propios de investigación clínica, os seus membros colaboran con outros grupos do IIS Galicia Sur de investigación básica, participando ademáis en proxectos multicéntricos, nacionais ou internacionais, de investigación clínica independente financiados en convocatorias competitivas; convenios e colaboracións con empresas ou entidades privadas e ensaios clínicos con medicamentos.

Un dos puntos máis potentes do grupo é a posibilidade de acceder a datos clínicos de calidade, mostras biolóxicas e desenvolver proxectos de investigación translacional e de avaliación de resultados en saúde.

Neste momento están en marcha proxectos encamiñados a optimizar as estratexias preventivas: como o estudo COLONPREV (compara o test de sangue oculto en feces coa colonoscopia); o estudo europeo EPOS (compa diversos intervalos de vixilancia tras a resección de pólipos colorrectais) e o estudo POLYPREV (compara a colonoscopia co test de sangue oculto en feces tras a resección de pólipos).

Ademais dentro do estudo PERSIST, con financiamento de fondos europeos, colaboran na avaliación do uso de novas tecnoloxías nos sobreviventes de cancro colorrectal para mellorar os resultados en saúde.

En canto ao tratamento dos tumores dixestivos, a participación en ensaios clínicos permite ofrecer fármacos en fases iniciais, achegando novas opcións de tratamento para os pacientes de Ourense.

Novas metas e obxectivos

Dentro do diagnóstico e prevención do cancro colorrectal, GIODO está involucrado en dúas liñas de investigación prioritarias de plena actualidade: A validación ou desenvolvemento de biomarcadores diagnósticos, en colaboración tanto con outros grupos de investigación como con empresas tecnolóxicas nacionais;  e o deseño de novas tecnoloxías para mellorar a colonoscopia. Esta última un proxecto 100% ourensán que aplica a intelixencia artificial no recoñecemento de pólipos. Trátase de POLYDEEP, un estudo en colaboración co grupo SING da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense.

Entre os seus novos obxectivos, ademais de reforzar a súa posición contratando talento especificamente para proxectos de investigación por medio de novos contratos de investigación a medio prazo, Joaquín Cubiella destacou  que a posta en marcha dun laboratorio de investigación no Hospital Universitario de Ourense, en colaboración coa Fundación Biomédica Galicia Sur, abre unha xanela de oportunidaden para xerar unha liña de investigación traslacional no campo do diagnóstico e prevención do cancro colorrectal, concretamente no descubrimento e validación de biomarcadores diagnósticos do cancro colorrectal.

“Pretendémonos situar dentro do ecosistema de investigación e innovación galego como un referente no noso ámbito de coñecemento” di o Dr. Cubiella, que destaca que coas novas instalacións, moitos dos traballos con mostras, que ata agora derivan fora, poderán ser asumidos directamente en Ourense, xerando a súa vez novas oportunidades

Para o responsable de GIODO “É imprescindible que sexamos capaces de atraer a máis profesionais sanitarios ás labores de investigación, e que inclúan dita actividade  dentro da súa actividade diaria” xa que, subliña, “desde unha perspectiva de sanidade pública, temos un compromiso coa sociedade para a que traballamos. Debemos manter unha comunicación continua e honesta sobre os proxectos en marcha e os seus resultados”. Neste sentido, Cubiella agradeceu a colaboración desinteresada e o alto grao de resposta dos pacientes da provincia, nos proxectos de investigación nos que lles propoñen participar.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde