A Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés incorpora esta semana á cobertura asistencial de Atención Primaria no Concello de Ribadumia un novo pediatra e un efectivo de Servizos Xerais -PSX- para efectuar diariamente xestións organizativas e de planificación neste centro de saúde, toda vez que se logrou por parte do Sergas acadar ditas incorporacións.
Así se confirmou hoxe nun encontro mantido no hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés entre o xerente da Área Sanitaria, José Flores Arias, a directora de Atención Primaria de Pontevedra e O Salnés, Marta Ocampo Fontangordo, o rexedor de Ribadumia, David Castro Mougán e a concelleira de contas do consistorio desta localidade, Pilar Martínez.
O novo pediatra que se incorpora en Ribadumia desenvolverá a súa actividade para atención infantil no centro de saúde os mércores e venres de cada semana, efectuando así mesmo cobertura asistencial no Concello da Illa de Arousa os luns martes e xoves.
Iniciativas do novo Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023
Ditas incorporacións enmárcanse nas iniciativas do novo Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023 do Servizo Galego de Saúde que, ademais de establecer un plan de saúde con actividades comunitarias para este centro de Atención Primaria ribadumiense, está a efectuar reformas arquitectónicas nos seus espazos. Unha vez rematadas nos vindeiros meses, as obras incorporarán unha nova consulta para un futuro efectivo de enfermaría que reforzará un cadro de persoal que xa incorporou o pasado outubro un terceiro médico de Medicina Familiar á dotación deste centro.
Dada a vantaxe que supón a integración dun novo pediatra e un novo efectivo de Servizos Xerais nesta localidade ao seu cadro profesional de Atención Primaria, a Administración Sanitaria Pública galega potencia así as súas liñas estratéxicas de actuación asistencial no Concello ribadumiense, plantexadas con renovados criterios de calidade.