O HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE ACOLLE AOS NOVOS 72 FACULTATIVOS QUE SE INCORPORAN Á ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 12 2022

Hoxe tivo lugar, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, o acto de acollida aos facultativos de Atención Hospitalaria incorporados tras a resolución da última convocatoria da oferta pública de emprego e do concurso de traslados. En total, son 72 profesionais de distintas especialidades médicas de atención hospitalaria que inclúen áreas médicas, cirúrxicas, urxencias e admisión. 

O acto estivo presidido polo xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, quen estaba acompañado polo director de Recursos Humanos, Francisco Martínez Otero; a directora de Recursos Económicos, Ángela Calderón de Arriba; o director Asistencial,  Luis González Taboada; a directora de Atención Hospitalaria, Mercedes Bouzada Rodríguez; e a directora de Enfermaría Mª Isabel Campos Pardo.  

O xerente sinalou o importante esforzo de incorporación e estabilización de profesionais na nosa área. Engadiu, igualmente, o momento de transformación que está a ter o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, tanto a nivel de infraestrutura coma de dotación tecnolóxica. No momento actual, -proseguiu- estase a ultimar a estrutura do novo servizo de radiodiagnóstico e a incorporación de dúas novas resonancias magnéticas (unha de 3 Teslas e outra de 1,5 Teslas, 2 TAC, un deles espectral, a tecnoloxía máis avanzada neste campo e a sala de anxiografía/radioloxía vascular intervencionista). Facio lembrou, ademais, a posta en marcha da cirurxía robótica en xullo do 2021.

Todo este equipamento permitará aos novos profesionais traballar coas ferramentas tecnolóxicas de maior nivel que existen actualmente no mercado. Salientou tamén o xerente a continuación que, sendo todas estas cuestións importantes, “son os profesionais os que poñen en valor a actividade asistencial”. Así, a nosa Área Sanitaria ten como obxectivo estratéxico a Calidade Asistencial sendo o noso  hospital o primeiro en obter certificacións de calidade. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde