​SANIDADE E O COLEXIO DE FARMACÉUTICOS DA PROVINCIA DA CORUÑA COLABORARÁN PARA A DIFUSIÓN DE INFORMACIÓN E O FOMENTO DA DOAZÓN DE SANGUE, ÓRGANOS E TECIDOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 12 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  asinou hoxe, coa presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain González, un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) e o antedito colexio, para a difusión de información e o fomento da doazón de sangue, órganos e tecidos entre a poboación da provincia da Coruña, co fin de contribuír a garantir a cobertura das necesidades hemoterápicas aos centros sanitarios galegos e a doazón de órganos e tecidos.

O colexio de farmacéuticos coruñés pon a disposición da axencia de doazón a posibilidade de difundir, a través das oficinas de farmacia desta provincia, e das canles de comunicación de que dispón, tanto dixitais como en soportes físicos, a información sobre as actividades de ADOS. Estas actividades de difusión de información e fomento, serán realizadas atendendo ao criterio de cada titular de oficina de farmacia.

Pola súa parte, a Axencia de Doazón Galega colaborará co colexio compartindo material promocional do que dispón para a realización de tarefas de divulgación e información. A duración do convenio terá unha vixencia de catro anos.

No acto de sinatura estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López.

Doazóns acadadas

O número de doazóns de sangue realizadas pola cidadanía galega no mes de decembro acadou as 6.530, das que 3.033 son da provincia da Coruña, 498 da de Lugo, 555 da de Ourense e 2.444 da de Pontevedra. En concreto, dende o chamamento realizado o pasado día 14 pola Axencia de doazón con motivo da escaseza de sangue, e ata o día 21, as doazóns acadadas en Galicia foron 3.903, das que máis de 1.700 foron na provincia da Coruña, 307 na de Lugo, 326 na de Ourense e máis de 1.500 na de Pontevedra. 

Sinalar, así mesmo, que entre as competencias de ADOS está conseguir doazóns voluntarias e altruistas de sangue, medula ósea e sangue de cordón umbilical para cubrir as necesidades do sistema sanitario de Galicia; así como promover a participación activa de institucións, organismos e empresas de Galicia nas políticas de promoción da doazón de sangue, órganos e tecidos. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde