O CONSELLEIRO DE SANIDADE SALIENTA A IMPORTANCIA DE TRABALLAR NA CONCIENCIACIÓN DA MOCIDADE SOBRE A DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 12 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu o acto de entrega de premios aos gañadores do sétimo Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, promovido pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

O acto, que tivo lugar esta mañá na Consellería de Sanidade, contou tamén coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; da directora de ADOS; Marisa López; e da  coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego subliñou a importancia de seguir traballando na creación dunha conciencia solidaria favorable ao xesto altruísta da doazón e o transplante nos distintos niveis educativos, en especial no ámbito universitario.

Así mesmo, o conselleiro salientou o esforzo que se realiza dende a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS para fomentar a información e sensibilización relativa á doazón e o transplante de medula ósea ao colectivo universitario, campo no que se circunscribe esta sétima edición  do Concurso de Curtametraxes.

Neste punto, Comesaña lembrou que ADOS é o centro de referencia en Galicia para a tipaxe dos doadores de medula ósea integrados no Rexistro Español de Medula Ósea (REDMO) dende hai mais de dúas décadas e que, na actualidade, contabiliza un total de 13.696 doantes galegos dispoñibles.

Premiados

Nesta sétima edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, acadou o primeiro premio o traballo “Démoslle a volta á partida”, realizado polo alumno da Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, David Hortas García.

​ No que se refire ao segundo premio, recaeu na curtametraxe “Almas Xemelgas”, realizado pola estudante de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, Alexia Mariño Beiro, mentres que o terceiro premio foi para o traballo ”Comprométete e salva vidas”, presentado pola alumna de Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela, Zaida López Estévez.

Comprométete a salvar vidas:https://youtu.be/_JeZLEODc_g

Almas Xemelgas:https://youtu.be/wPh48yEEoWw

Démoslle a volta á partida:https://youtu.be/0hag0il6lvU



EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde