A XUNTA PON EN MARCHA A REDE GALEGA DE PARQUES SEN FUME COA INCORPORACIÓN DOS PRIMEIROS 18 CONCELLOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 01 2023

A Xunta de Galicia pon en marcha a Rede galega de parques sen fume coa incorporación dos primeiros 18 concellos. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no concello da Estrada, “que está comprometido con esta causa”. Tal e como referiu o conselleiro no acto, do que foi anfitrión o alcalde da Estrada, José López Campos, logo da aprobación da creación desta rede no Consello da Xunta, a finais do mes de novembro, e para incentivar e premiar os concellos que primeiro decidiran adherirse a esta rede, a Xunta facilitou de forma gratuíta o material de sinalización, sendo preto de 20 os concellos que deron de inmediato ese primeiro paso.

Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o obxectivo do Executivo galego “é crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas”. Esta programa que se acaba de por en marcha é un fillo directo, -remarcou Comesaña-, doutra iniciativa de éxito como é Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 214 praias libres do fume do tabaco.

Segundo o conselleiro, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.

Compromisos

Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren, -remarcou o conselleiro-, unha serie de compromisos entre os que citou, a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar, e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.

Estratexia de saúde pública

As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20% da mocidade entre 16 e 24 anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75% das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Por iso, seguiremos a traballar, -dixo o conselleiro-, “promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco”.

Esta estratexia de saúde pública da Xunta queda reflectida en que, nos orzamentos deste ano, a partida que máis sube é o Programa de protección e promoción da saúde pública, “cun ascenso de máis do 17% ata os 106 millóns de euros, 15 millóns máis que o ano pasado”.

Así mesmo, -proseguíu o titular da carteira sanitaria-, a Xunta traballa no desenvolvemento dunha lei de prevención de adicións en menores, “que vai abarcar a prevención dun xeito moi intenso e así como traballar no aumento da percepción do risco co fin de diminuír a aceptación social”. 

Tamén a Xunta traballa no desenvolvemento do Plan de trastornos aditivos de Galicia, que ademais de incidir na prevención, irá dirixido ás persoas que padecen un trastorno aditivo, “buscando non só a superación da adición, senón, tamén, a reincorporación social da persoa”.

Así mesmo, o conselleiro tamén destacou os Plans Locais de Saúde, documentos estratéxicos dos servizos de atención primaria, que convirten aos centros de saúde en copartícipes da aplicación das políticas de saúde pública. O conselleiro rematou destacando a labor do centro de saúde da Estrada, o mellor de España por sexta vez consecutiva, que destaca non só pola calidade da súa atención sanitaria, senón tamén polo seu importante número de actividades comunitarias, cun total de 14 durante o 2022.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde