A XUNTA CHEGA AO SEU RÉCORD DE MÉDICOS DE FAMILIA FORMADOS E PIDE REFORMAS PARA TER AÍNDA MÁIS PRAZAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 01 2023

“A Xunta está a facer un gran esforzo organizativo e orzamentario para a formación de máis médicos especialistas”. Así o remarcou o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, quen compareceu hoxe, a petición propia, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, co obxectivo de dar conta das propostas que remitiu a Xunta ao Goberno de España, para unha reforma do sistema de formación MIR que permita ampliar o número de especialistas en medicina de familia. 

Así, lembrou que Galicia ofertou este ano 207 prazas para formar especialistas en medicina familiar e comunitaria, acadándose o 100% totalidade das acreditadas polo Ministerio de Sanidade. Isto supuxo un incremento de 65 prazas máis, un 45,8% máis respecto á anterior convocatoria e chegar a máis que duplicar as 88 que se ofertaban en 2009. Destacou tamén Campa que, do incremento total de 119 prazas no 2023 de medicina familiar para todo o Estado, 65 corresponden a Galicia, “é dicir o 55% do incremento de prazas desta especialidade en España corresponden á nosa comunidade”.

Non obstante, Fernández-Campa advertiu de que este record de oferta esgota a capacidade formativa de Galicia neste eido se non se flexibilizan por parte do Goberno de España os requisitos para acreditar unidades docentes: “Hai que facer as reformas necesarias para que nos vindeiros anos se poidan formar 1.000 residentes máis ao ano de medicina familiar e comunitaria, que é o necesario para a substitución xeracional”.

O responsable da xestión da formación sanitaria en Galicia lembrou que o Goberno central continúa sen cumprir o acordado no Consello Interterritorial de abril de 2018, en relación coa axilización e flexibilización das acreditacións de unidades docentes. A este respecto, lembrou que Galicia remitiu ao Ministerio reformas concretas neste sentido xa que, na actualidade, só algo máis de 100 dos máis de 450 centros de saúde galegos poden cumprir cos requisitos de acreditación fixados polo Ministerio, o que impide a máis do 70% dos centros de primaria participar na formación de residentes.

As propostas remitidas por Galicia van encamiñadas a unha reforma dos requisitos que permita poder aproveitar a capacidade formativa de centros de saúde no rural ou de hospitais comarcais. Fernández-Campa exemplificou como un dos requisitos a eliminar o de que os centros que opten a formar residentes de medicina de familia deban ter un mínimo de catro efectivos de medicina de familia.

Só coa rebaixa dese mínimo ata os tres médicos, poderíamos ter na nosa Comunidade outros 40 centros de saúde máis acreditados para a formación de especialistas. A Xunta  considera que tal criterio prexudica especialmente a comunidades con poboación dispersa como a galega, nas que a proximidade asistencial leva á existencia dun gran número de centros de saúde máis pequenos e considera incomprensible o mantemento destas limitacións nun contexto de escaseza de especialistas de medicina de familia que require incrementar a formación de novos profesionais.

“Dende a Xunta actuose de xeito activo para que se leven a cabo as iniciativas aprobadas polo Parlamento galego”, e dirixíndose ao Ministerio de Sanidade para darlle a coñecer eses acordos. Entre eses acordos está a iniciativa dos tres grupos da Cámara para que a Xunta demandara ao Goberno central a tramitación de xeito preferente a nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias. Fernández-Campa lembrou que o Goberno desoíu esta demanda e decidiu pospoñer a creación desta especialidade ata a aprobación dun novo decreto regulador das especialidades que non viu a luz ata o ano pasado e que abriu un proceso, aínda inconcluso, no que Galicia está a liderar a aprobación final da creación desta especialidade.

O xerente de ACIS destacou non só a necesidade dunha formación específica para os urxenciólogos senón o efecto negativo que ten para a formación de médicos de familia a inexistencia dunha especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, xa que obriga aos estudantes que queren exercer nestes servizos a consumir prazas formativas de medicina familiar e comunitaria que, doutro xeito, quedarían reservadas para os aspirantes a traballar na atención primaria.

Fernández-Campa lembrou tamén a aprobación polo Parlamento galego, en setembro do pasado ano e sen o respaldo dos grupos da oposición, dun acordo de apoio ás medidas incluídas no manifesto dos conselleiros de Sanidade de sete gobernos autonómicos, para a toma de iniciativas estatais urxentes en materia de atención primaria. 

Este acordo, promovido conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Goberno Vasco, foi sometido a votación o ano pasado no Congreso dos Deputados e foi referendado pola maioría deste órgano co que, lembrou Fernández-Campa, o Goberno de España conta cun mandato parlamentario para desenvolver estas medidas.

Medidas levadas a cabo pola Xunta

Tal e como incidiu Campa, Galicia adoptou todas as medidas do grupo de traballo creado no ano 2017, no Consello Interterritorial, para solucionar a falta de médicos en determinadas especialidades e nas zonas rurais, e, ademais, as completou con outras, como foi a ampliación da posibilidade de permanencia dos profesionais no servizo activo a partir dos 65 anos; modificando a Lei de Saúde para permitir que profesionais extracomunitarios con formación MIR poidan incorporarse á función pública; creando a figura do contrato de continuidade; incrementando as prazas ofertadas en formación MIR, ou creando a categoría de facultativo especialista que ofrece aos médicos de familia un posto fixo a través do concurso de méritos.

Xunto a este esforzo que se está a facer en Galicia, necesitamos, -dixo o xerente de ACIS-, que se tomen outras medidas. Ademais da reforma dos requisitos de creación de prazas e da posta en marcha dunha especialidade separada para a medicina de urxencias e emerxencias, destacou a necesidade de que o Goberno de España tome medidas para que o MIR non deixe prazas vacantes como ocorreu o ano pasado. A tal efecto, “débense eliminar as rixideces do sistema de selección electrónica das prazas; e debería evitarse a nota de corte no examen MIR”. Esta medida está recollida tamén no manifesto promovido por Galicia e País Vasco, que demanda que o sistema de elección de prazas MIR garanta ao aspirante en tempo real o coñecemento de todas as prazas dispoñibles. 

Oferta 2023

Máis alá da especialidade de medicina familiar e comunitaria, Campa tamén destacou, na súa comparecencia no Pazo do Hórreo, que a oferta global de prazas de formación sanitaria especializada para o acceso neste ano, foi, en Galicia, de 620, a maior da súa historia. Son un 72% máis de prazas das 360 que se ofertaban no ano 2009. 

Respecto ao ano pasado, o incremento é de 77 prazas (un 14,2% de incremento fronte ao 5% do Sistema Nacional de Saúde) e ademais do mencionado incremento de prazas en medicina familiar e comunitaria, o xerente de ACIS subliñou que supón un aumento nas especialidades relacionadas coa saúde mental como as de psiquiatría, acadando unha oferta final de 16 prazas (33% de incremento); e psicoloxía clínica (oferta final de 13 prazas) e 53% de incremento.

Tamén considera vital Campa a creación dun Rexistro estatal de profesionais sanitarios que permita que o Ministerio de Sanidade poida facer planificacións de acordo con datos de todo o Sistema Nacional de Saúde. “Galicia ten o seu rexistro, pero o sistema de formación é para todo o Estado, polo que debería poder coñecerse cales son as necesidades totais”, -sinalou-.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde