O DOG PUBLICA HOXE O NOVO DECRETO DE HORARIOS, QUENDAS DE GARDA E VACACIÓNS DAS OFICINAS DE FARMACIA EN GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 01 2023
O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe o novo Decreto de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia na comunidade galega, que entra en vigor o vindeiro 9 de febreiro e no que tamén se define o número de profesionais farmacéuticos necesarios para levar a acabo a atención ao público nestes establecementos.

Co obxectivo de optimizar a cobertura da rede de atención farmacéutica en toda Galicia, a Xunta elaborou, en colaboración cos catro Colexios Oficiais de Farmacia galegos, un novo decreto que responde ás necesidades fármaco-sanitarias da nosa comunidade, atendendo ás súas peculiaridades xeográficas e poboacionais, e que foi aprobado na reunión do Consello da Xunta do 29 de decembro de 2022.

Horarios e número de profesionais requiridos

Co ánimo de garantir unha atención farmacéutica continuada e de calidade, o novo texto desenvolve a Lei 3/2019, de ordenación farmacéutica de Galicia; e substitúe á normativa en vigor neste ámbito, aprobada no ano 1999.

O decreto define uns horarios que poden ser adaptados e modulados segundo as circunstancias das oficinas de farmacia, mais sempre tendo en conta as necesidades da poboación á que prestan servizo. Así, establece unha xornada mínima de atención ao público de 38’5 horas semanais (con xornadas laborais mínimas  de 7 horas diarias, -de luns a venres-). No caso dos sábados, de xeito xeral o horario mínimo obrigatorio será de 3 horas e media.

As oficinas de farmacia galegas tamén poderán optar por permanecer abertas máis alá deste horarios mínimos obrigatorios. Así, poderán optar por uns horarios de apertura ampliados de ata 13’5 horas ao día –a realizar entre as 8,30h e as 22,30h-; ou ben, a un horario de 24 horas continuadas, todos os días do ano.

As farmacias deberán comunicar os seus horarios e modalidade de apertura aos seus respectivos Colexios Oficiais de Farmacia, durante o mes de outubro anterior ao ano entrante. Con esta medida, a Xunta procura que a cidadanía coñeza que horarios de apertura ten cadansúa oficina e, sobre todo, cales van a cumprir os requisitos de estar abertas as 24 horas. Do mesmo xeito, o novo decreto establece a obriga de que esta información estea permanentemente actualizada nas páxinas web dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia.

O decreto tamén establece o número de profesionais requiridos para aquelas oficinas de farmacia que teñan un horario de apertura ampliado. O texto define que no caso daquelas oficinas cunha apertura ao público de ata 52,5 horas requirirase a presenza, como mínimo, dun farmacéutico titular; nas oficinas con apertura de entre 52,5 e 92,5 horas, será obrigatorio ademais a contratación dun adxunto farmacéutico; nas que conten con horarios entre 92,5h e 132,5 horas, deberán ser dous adxuntos os contratados; e, finalmente, no caso das farmacias que teñan horarios de apertura de máis de 132,5 horas, deberase contar coa presenza, como mínimo, de tres farmacéuticos adxuntos.

Quendas de garda, cobertura aos PAC e vacacións

No que atinxe aos servizos de garda atendidos en servizos de quenda, estas realizarase coa presenza física de, alomenos un profesional farmacéutico. Así, só por circunstancias excepcionais e debidamente acreditadas, os Colexios Oficiais de Farmacéuticos poderán autorizar a realización de quendas de garda localizada, sempre que quede garantida a presenza física do persoal farmacéutico no momento da dispensación.

Como máximos coñecedores das necesidades farmacéuticas de cada provincia, a organización das quendas de garda corresponderalle aos Colexios Oficiais, que atenderán en todo momento, á cobertura farmacéutica que precisa a poboación,  á súa densidade, ou a accesibilidade a estes servizos. 

Unha importante innovación respecto do anterior decreto é a inclusión, dentro dos criterios de regulación das quendas de garda, do concepto de “área de referencia dos puntos de atención continuada (PAC)”. O  decreto establece que a rede do servizo sanitario de urxencias que a Xunta presta a través dos PAC, constitúe un elemento de primeiro nivel para configura e, á súa vez, a rede básica do servizo farmacéutico de urxencia debe garantir o acceso fácil e rápido á obtención dos medicamentos e produtos de farmacolóxicos. 

Con carácter xeral, cando menos unha oficina de farmacia prestará servizo de garda para garantir o acceso á prestación farmacéutica ás persoas usuarias que sexan coincidentes xeograficamente co emprazamento dos PACs. En todo caso, as farmacias incluídas nas quendas de garda de cada área de referencia, deberán estar emprazadas a menos de 15 quilómetros do PAC, ou a menos de 15 minutos.

Respecto dos períodos de vacacións, as oficinas de farmacia poderán cesar temporalmente nas súas actividades durante un período vacacional de máximo un mes ao ano, e sempre e cando queden debidamente cubertas as necesidades de atención farmacéutica durante as 24 horas do día na zona farmacéutica á que pertenzan. 

Sobre este particular, o Decreto establece que durante os períodos de vacacións deberán permanecer abertas polo menos o 50% das oficinas de cada zona farmacéutica. Non obstante, en zonas farmacéuticas rurais con menos de 6 oficinas de farmacia, non se terá en conta esta porcentaxe.

No mes de decembro de cada ano, os colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas remitirán á consellería de Sanidade os calendarios de quendas de garda das oficinas de farmacia situadas en cadansúa provincia provincia. Así mesmo, os peches por motivo do período vacacional deberán ser comunicados alomenos con 20 días de antelación.

A Xunta de Galicia agradece a colaboración e as achegas realizadas polos catro Colexios Oficiais de Farmacia de Galicia, cos que foi consensuado este texto normativo.

Desenvolvemento da Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia

A Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, aprobada pola Parlamento de Galicia, é unha das  lexislacións máis modernas de España. Así, para a súa axeitada aplicación, o Executivo galego esta a realizar o desenvolvemento regulamentario en determinadas materias sinaladas no seu articulado.

A Xunta de Galicia iniciou este desenvolvemento regulamentario acometendo a regulación da dispensación dos Sistemas Personalizados de Dosificación en oficinas de farmacia. O resultado deste traballo foi a aprobación Decreto 87/2022, do 19 de maio, polo que se regulan as condicións e os requisitos para a preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación nas oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunto co anterior, o departamento sanitario da Xunta tamén traballa no decreto de desenvolvemento do artigo 7.2 da Lei de Ordenación farmacéutica de Galicia, que aborda os supostos especiais de entrega a domicilio de medicamentos e produtos sanitarios a través das farmacias comunitarias e dos servizos de farmacia hospitalaria, en aras de favorecer a continuidade asistencial e evitar o desprazamentos innecesarios dos paciente aos hospitais, facilitando así o acceso a fármacos e produtos sanitarios de pacientes crónicos, persoas de idade avanzada ou que vivan en zonas illadas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde