O CONSELLO ASESOR DO SISTEMA PÚBLICO DE GALICIA ANIMA AO SERGAS A SEGUIR AVANZANDO NA IMPLANTACIÓN DE UNIDADES MULTIDISCIPLINARES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 01 2023
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comprometeuse esta semana a avanzar na creación e implantación de novas unidades multidisciplinares de atención asistencial tras escoitar as recomendacións nese sentido formuladas polo Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia.

García Comesaña e a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, participaron esta semana na reunión mensual do que é o órgano superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade, conformado por profesionais de longa traxectoria e recoñecido prestixio no sistema público de saúde de Galicia. Nesta xuntanza, os vogais do Consello expuxeron ao equipo directivo da Consellería, a través dunha presentación do doutor José Castillo, unha serie de propostas apoiadas en estudos científicos que avalan e recomendan o avance na organización da abordaxe de determinados procesos asistenciais a través de unidades multidisciplinares nas que se integre o coñecemento de profesionais sanitarios de distintas especialidades.

A este respecto, o conselleiro lembrou o camiño avanzado pola Xunta de Galicia neste sentido coa aprobación en outubro de 2021 da orde pola que se regula a creación, composición, organización e funcionamento das unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial no Servizo Galego de Saúde, dando cumprimento así a un mandato unánime do Parlamento de Galicia que á Xunta a regulación e homoxeneización das unidades multidisciplinares de mama e avanzar nas de outras patoloxías.

Esta orde veu precedida da experiencia da posta en marcha en abril dese mesmo ano dunha unidade multidisciplinar poscovid en cada unha das sete áreas sanitarias, cun equipo de profesionais de diversas disciplinas, nas que o núcleo duro estaba conformado por especialistas en atención primaria, medicina interna, pneumoloxía e enfermería. A través delas, comezáronse a avaliar e a tratar os efectos da patoloxía a medio e a longo prazo nas persoas que padeceran covid-19.

Trala publicación da orde, as áreas sanitarias comezaron a completar o proceso de adaptación das unidades de atención ás patoloxías da mama, que xa levaban anos desenvolvendo ao seu labor, aos requirimentos e esixencias da nova orde reguladora.

Paralelamente, e no marco da Estratexia Galega en Enfermidades Raras aprobada en 2021, a comezos de 2022 o goberno galego botou a andar tres unidades multidisciplinares para pacientes con enfermidades raras en Vigo, A Coruña e Santiago que contan con equipos formados, como mínimo, por un especialista en medicina interna, un especialista en pediatría e un profesional de enfermería.

Estas unidades xa foron constituídas segundo o procedemento marcado na orde reguladora, coa aprobación do seu respectivo plan funcional e a constitución do seu correspondente comité clínico e coa autorización por parte da dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria.

Este proceso estase a repetir coa constitución de unidades multidisciplinares de atención ás patoloxías relacionadas co solo pelviano feminino. Trala aprobación en outubro de 2022 polo Consello da Xunta do documento de criterios xerais para as mesmas, cada unha das sete áreas sanitarias está a constituír a súa respectiva unidade con profesionais de diversas especialidades entre as que se inclúen xinecoloxía, obstetricia, uroloxía ou persoal de rehabilitación así como enfermaría especialista obstétrico-xinecolóxica (matronas) e fisioterapeutas. 

A proposta do Consello Asesor, o conselleiro comprometeuse a promover a extensión das unidades deste tipo e a estimular a iniciativa das xerencias para promover novas creacións.

Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia

O Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia foi creado en 2005 como órgano non colexiado superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade, directamente dependente do conselleiro de Sanidade.

Conta con ata 20 membros escollidos entre profesionais do sistema sanitario galego e persoas de recoñecida competencia relacionadas coa actividade científica ou técnica nos eidos da saúde pública, a asistencia sanitaria, a docencia, a formación e a investigación.

Está presidido polo doutor José María Martinón e conta con Mercedes Carreras Viñas como vicepresidenta. O resto dos seus vogais actuais son Francisco Javier Carballo, Ángel Carracedo, Emilio Casariego, Enrique Castellón, José Castillo, Manuel Díaz López, Ángel Jorge-Echeverry, Berta García Fraguela, Juan Jesús Gestal, Francisco López Rois, Francisco Martelo, José Luís Muíño, Belén Piñeiro, Joaquin Potel, Manuel Salgueiro, Juan Turnes e Luciano Vidán.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde