A Área Sanitaria de Vigo puxo en marcha 6 novos Equipos de Atención Domiciliaria para reforzar e mellorar a atención aos pacientes crónicos nas zonas rurais e semirrurais.
Estes Equipos de Soporte de Atención Domiciliaria (ESAD) se enmarcan no conxunto de medidas desenvolvidas pola Xunta de Galicia para continuar reforzando a Atención Primaria, atendendo ás actuais demandas da poboación galega. Neste sentido, este Programa de atención no domicilio, aprobado polo Consello da Xunta, se integra no Plan de Atención Primaria da Consellería de Sanidade.
Os novos equipos están integrados por un total de 12 profesionais de enfermaría -2 por equipo- que traballan apoiando as funcións que realiza o persoal dos centros e saúde das zonas rurais e semirrurais. Así, traballan de forma integrada e coordinada con estes profesionais de atención primaria (medicina, enfermaría, traballo social, farmacia, odontoloxía ou nutrición) para atender aos pacientes máis vulnerables e fráxiles.
Dan cobertura a toda a poboación da área sanitaria, apoiando aos servizos de Atención Primaria de A Cañiza, Redondela, Cangas, Moaña, Porriño, A Guarda, Ponteareas, Tui, Val Miñor, Lavadores, Coruxo, Matamá e Sárdoma. A día de hoxe, teñen identificados a un total 2.650 pacientes inmobilizados, aos que se lles presta asistencia domiciliaria en quendas de mañá e tarde.
Os ESAD están dotados con 6 vehículos corporativos que facilitan os seus desprazamentos, material sanitario e equipamento diagnóstico e tecnolóxico propio.
Incrementar a actividade domiciliaria
Estes equipos de soporte de atención domiciliaria realizarán, de xeito proactivo, valoracións integrais a determinados pacientes inmobilizados coa finalidade de detectar potenciais problemas clínicos ou sociais que requiran de intervencións por parte dos equipos de atención primaria.
Os profesionais dos centros de saúde emprazados nos concellos de ámbito rural e semirrural poderán solicitar, de xeito autónomo, o apoio dos ESAD cando o consideren preciso para resolver situacións clínicas concretas.
A creación destes equipos ESAD, permite que o Servizo Galego de Saúde se marque como obxectivo na atención primaria para este ano un incremento dun 50% da actividade asistencial prestada polos profesionais sanitarios no propio domicilio do paciente con respecto ao pasado ano.
Todo isto contribuirá a aumentar a capacidade resolutiva da atención primaria no ámbito domiciliario, reforzando a atención sanitaria nas zonas rurais e semirrurais xeograficamente dispersas e impulsando a actuación dos profesionais de enfermería na organización asistencial da atención domiciliaria, nun contexto de traballo colaborativo co resto de profesionais que conforman os actuais equipos de atención primaria.