O SERVIZO DE RADIODIAGNÓSTICO RECIBE UN RECOÑECEMENTO A NIVEL MUNDIAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 01 2023

Un estudo da área de Radioloxía Abdominal e Xenitourinaria do servizo de Radiodiagnóstico do Chuvi recibiu un recoñecemento a nivel mundial no recente Congreso da Sociedade Norteamericana de Radioloxía (RSNA), celebrada en Chicago.

O traballo, premiado cun “Certificado de Mérito”, está asinado polos doutores Sofía Santos, Paolo Franco e Alejandra García, e foi coordinado pola xefa de sección de Abdome e Xenitourinario, Milagros Otero. 

O obxectivo do mesmo era establecer uns criterios diagnósticos para axudar a diferenciar a través da Resonancia Magnética as lesións quístico-hepáticas benignas das malignas. Aínda que o 90% destas lesións son benignas e non necesitan seguimento, existe unha pequena porcentaxe que son potencialmente malignas e que requiren dun control e, ás veces, tratamento cirúrxico. A imaxe por Resonancia Magnética (RM) ten un papel fundamental no diagnóstico deste tipo de lesións, para discriminar a natureza dos mesmos e realizar un seguimento a aqueles con risco de malignidade.

Segundo explica a xefa do sección, Milagros Otero “estamos moi orgullosos deste recoñecemento xa que se trata do foro científico internacional máis importante no ámbito radiolóxico e supón unha validación ao noso traballo.”

Único Centro formador en España

O servizo de Radioloxía do Álvaro Cunqueiro entrou este ano no ranking dos cinco mellores hospitais europeos, seleccionados pola Sociedade Europea de Radioloxía (ESR) para o intercambio de becas de formación académica en toda Europa.

De feito, é o único centro de España elixido para impartir esta formación superespecializada, xunto a un hospital de Francia, dous de Gran Bretaña e un de Suiza.  

Así, este ano virán a recibir formación especializada ao hospital vigués cinco radiólogos  doutros hospitais españois, de Italia e Portugal.

O Álvaro Cuqueiro foi elixido  centro formador atendendo a diferentes criterios, como a importante dotación de equipamento radiolóxico dispoñible; a gran capacitación dos seus profesionais, cunha acreditada experiencia no desenvolvemento das novas técnicas; así como o elevado volume de actividade realizada.  

Ao longo dos últimos anos, o servizo de Radioloxía do Álvaro Cunqueiro ten feito un traballo recoñecido en moitos ámbitos. Está presente nos congresos nacionais e internacionais da especialidade. O feito de dispoñer de todas as técnicas avanzadas de diagnóstico e a posta en marcha da Unidade de Investigación en Radioloxía, o converte nun servizo referente ao que enviar a formarse os radiólogos e radiólogas do futuro.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde