O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe, no Museo Pedagóxico de Galicia, varias iniciativas impulsadas dende a Xunta, e destinadas ao alumnado galego, co fin de fomentar e concienciar sobre a importancia da doazón e os transplantes de órganos e tecidos. O máximo responsable da sanidade pública de Galicia anima a todos os estudantes galegos a que participen nesta actividade, coa finalidade de sensibilizar e promover unha actitude favorable e altruísta co xesto da doazón e a importancia dos transplantes entre a mocidade, coñecendo así, unha parte esencial do noso sistema sanitario.
No transcurso do acto, o titular da carteira sanitaria presentou tres actividades. A primeira, en colaboración con Gadisa Retail S.L.U., é a convocatoria do V Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e cos transplantes. Nesta iniciativa hai dúas categorías de participación; unha primeira, para nenos e nenas de 5º e 6º de educación primaria; e a segunda, para o alumnado de 1º, 2º e 3º de educación secundaria obrigatoria (ESO). En cada unha destas categorías outorgarase un primeiro e un segundo premio, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente, para a adquisición de material escolar para o centro educativo. Haberá tamén premios para o alumnado e profesores (tablets e cámaras fotográficas deportivas).
A segunda das actividades presentadas polo conselleiro é o IX Concurso de curtametraxes relacionados coa doazón e cos transplantes de órganos e tecidos, podendo participar todo o alumnado de bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior e de ensino artístico regrado de toda Galicia. Cada curtametraxe poderá ser presentada de xeito individual ou en grupo de ata cinco integrantes. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, terán unha duración máxima de dous minutos e estarán en lingua galega, podendo gravarse en calquera dispositivo, incluídos os teléfonos móbiles. O primeiro premio consistirá en 1.000 euros para a adquisición de material escolar para o centro de ensino, e outros 1.000 euros para os participantes, así coma unha tablet para o profesor ou profesora que tutelou o traballo. Sendo o segundo premio de 750 euros e tablet.
A terceira actividade que presentou o conselleiro é o VIII Concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e transplante de medula ósea; no que pode participar o alumnado matriculado durante o curso 2022/23 nas universidades do Sistema Universitario Galego e nos centros asociados da UNED en Galicia. O primeiro premio é de 2.000 euros, o segundo de 1.500 e o terceiro de 1.000.
Concienciación da doazón
Tal e como remarcou o conselleiro no acto, un dos obxectivos primordiais na concienciación da doazón é o deseño de intervencións educativas dirixidas a mellorar a opinión da doazón e os transplantes entre os máis novos.
A formación dirixida a escolares permite dotar do coñecemento preciso na materia aos rapaces que se atopan nunha idade moi receptiva, o que lles permitirá tomar conciencia e transmitir esta información no eido familiar.
Por outra banda, o transplante de medula ósea permite a curación de enfermidades hematolóxicas ao substituír as células defectuosas por outras normais, procedentes dun doador san. A poboación diana para facerse doante de medula ósea son as persoas entre 18 e 40 anos, de aí o interese da Consellería de Sanidade en dirixirse aos alumnos universitarios.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu a solidariedade dos doantes e das súas familias, así como o labor de todos os profesionais que fan que os transplantes sexan posibles.
No acto de presentación, realizado en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.