O Servizo de
Radiodiagnóstico do Hospital Universitario de Ourense estrea hoxe, cos seus
primeiros pacientes, o novo Tomógrafo Computerizado (TC) de tecnoloxía
espectral, o último gran avance na imaxe diagnóstica, que supón pasar a imaxes
en 4D con gran precisión e información funcional, un antes e un despois na
capacidade diagnóstica da sanidade pública de Ourense.
O TC espectral,
con dobre fonte de enerxía, permite diferenciar os tecidos segundo a súa
composición, o que amplifica as sutís diferenzas de densidade entre tecidos
normais ou patolóxicos, facilitando a detección de pequenas lesións tumorais e
a súa caracterización, o que suporá un importante avance tanto no diagnóstico como
no seguemento dos pacientes oncolóxicos.
Ademais de mellorar
a precisión, o novo equipo aporta información funcional dos órganos e tecidos,
co que pode detectar alteracións no seu funcionamento, especialmente útil nos estudos cardiolóxicos
ou da vascularización dos tumores. Neste eido, tamén poderán traballar con
biomarcadores, que permitirán unha mellora na detección temperá de lesións
tumorais e na súa monitorización, prevendo e avaliando a resposta ante os
tratamentos oncolóxicos.
Para Purificación
Pardo, xefa de Sección de Radiodiagnóstico no Hospital Universitario de
Ourense, con ampla experiencia na unidade de imaxe tomográfica, o novo equipo
supón un salto cualitativo, especialmente útil para o diagnostico da patoloxía
oncolóxica e a cardíaca, xa que aporta un novo nivel de información, morfolóxico
ou anatómico pero tamén funcional, o que permitirá mellorar o diagnóstico do
ictus coa creación de mapas de perfusión.
Avance no estudo
dos tumores e do corazón
A nova
ferramenta de intelixencia artificial “ábre a posibilidade de acceder a
numerosos programas que facilitan a nosa labor diagnóstica“ dí a doutora Pardo, que destaca que o TC
espectral pode elaborar “estudos virtuais” sobre imaxes reais adquiridas, o que
permite evitar algúns pasos nos estudos, por exemplo a fase sen contraste. “todas
as exploracións serán moito máis rápidas e poderemos reducir de forma
significativa a radiación” o que beneficiará especialmente a pacientes
oncolóxicos e pediátricos”.
A rapidez na
adquisición de imaxes permite realizar estudos cardiolóxicos e dos vasos
coronarios con gran detalle, obtendo, por exemplo, unha imaxe completa do
corazón en menos dun latexo. Ademais limita ao mínimo as alteracións da imaxe, debidas
ao movemento da respiración ou presenza de implantes metálicos, características
clave para estudos de pacientes inestables, procedentes das unidades de
críticos ou Urxencias.
“Vamos a poder
asumir un amplo espectro de estudos cardiacos, non só da perfusión, do
miocardio, tamén das áreas de infarto, cunha nitidez equiparable case a da
resonancia” avanza a doutora Pardo, que destaca o avance moitos eidos, desde os
estudos pulmonares, aos de fígado, páncreas, colon, das vías biliares, renais
ou de urolóxicos grazas a posibilidade de determinar o tipo de litiasis.
1.15 M de euros
para acceder á tecnoloxía máis avanzada
O novo TC supón
acceder á tecnoloxía máis avanzada en canto a potencia e calidade de imaxe -de
alta resolución e en 4D-, ademáis dun escaneo suave con doses de radiación
ultrabaixa, reducindo tamén a cantidade de medios de contraste necesarios, o
que aumenta a seguridade e o benestar do paciente.
A capacidade e
potencialidade no novo equipo de alta tecnoloxía, un TC Espectral Siemens
Somaton Force, ven da man do seu alto valor, 1.15 millóns de euros, no marco
dunha partida de 8.2 M de euros, que a Xunta de Galicia destinou a dotar a cada
unha das sete areas sanitarias galegas con un destes equipos, cunha
cofinanciación, ao 40%, de fondos europeos Next Generation.
Coa súa posta en
marcha en Ourense substitúese definitivamente o vello equipo de 64 detentores
(pasando a 192 con dúas fontes de raios x) e complétase a total renovación dos catro
tomógrafos cos que contaba o hospital universitario, cun investimento de
2.622.660 € só por este concepto, ademais a nivel provincial adquiríronse dous
novos equipos para os hospitais de Valdeorras e Verín.