A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de incorporar ao seu equipo directivo a Concepción Abellás Álvarez coma nova directora de Enfermaría e a Silvia Amoedo Casqueiro coma nova subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria.
Ambas responsables de enfermaría amosan o seu compromiso profesional e asistencial, en coordinación directa con este importante colectivo, coma imprescindible peza na engranaxe sanitaria pública galega en Pontevedra e O Salnés.
Concepción Abellás Álvarez e Silvia Amoedo Casqueiro avogan por manter e potenciar o papel da enfermaría coma xestor de diversos procesos asistenciais e de coidados nos pacientes da área de saúde, cun rol fundamental na súa recuperación.
Compromiso permanente da Enfermaría
Así mesmo, as novas directora de Enfermaría e subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria están á disposición dos profesionais de Pontevedra e O Salnés, valorando o compromiso permanente da Enfermaría para coa sociedade e a poboación de Pontevedra e O Salnés, baseado na educación, na enerxía e a empatía, dado que este colectivo profesional é un dos máis formados do Sistema Sanitario Publico, recibindo formación continua e desenvolvemento profesional.
Formación e traxectoria profesional
A nova directora de Enfermaría, Concepción Abellás Álvarez, é diplomada en Enfermaría pola Escola Universitaria de Enfermería de Santiago de Compostela e instrutora de triaxe.
Na súa experiencia profesional destaca a súa traxectoria desde 2008 coma supervisora de enfermaría nas áreas de urxencias, hospitalización a domicilio e coidados paliativos do Hospital Comarcal do Salnés.
Así mesmo, é compoñente do grupo de triaxe da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias -SEMES-, membro do grupo formador do Codigo ICTUS, tamén membro do grupo de desenvolvemento do SIGUR e do grupo formador de Código SEPSIS do Sergas, así coma compoñente da comisión galega de seguridade clínica e calidade asistencial representando aos servizos galegos de urxencias hospitalarias.
Concepción Abellás Álvarez é tamén autora de numerosos capítulos en libros en medicina de urxencias e emerxencias, tradutora de libros sobre triaxe de urxencia e responsable de publicacións en revistas científicas e comunicacións en congresos nacionais e internacionais de medicina de urxencias e emerxencias nos últimos anos.
Na súa experiencia docente, a nova directora de Enfermaría da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é formadora do sistema de Triaxe Manchester, colaborando na implantación de dito sistema nos hospitais galegos. Tamén é formadora na Axencia Galega de Coñecemento e colaboradora docente nos programas formativos do colectivo de Enfermaría Interna Residente -EIR-.
Vogal autonómica galega do grupo español de triaxe Manchester, Concepción Abellás é tamén vicepresidenta terceira da Sociedade Galega de Medicina de Urxencias e Emerxencias, vogal autonómica galega de enfermaria en SEMES Nacional e vogal da secretaria de formación de SEMES Nacional.
Nova subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria
Pola súa banda, a nova subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria, Silvia Amoedo Casqueiro, é diplomada en Enfermaría pola Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra, da Universidade de Vigo.
Entre os anos 2006 a 2008, Silvia Amoedo foi supervisora no servizo de urxencias do Hospital Comarcal do Salnés. Así mesmo, ente novembro do ano 2009 a xaneiro de 2017, asumiu a coordinación de enfermaría da área de quirófanos do Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Entre xaneiro de 2017 a marzo de 2022 foi supervisora de enfermaría do servizo de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra, e dende ese mes de 2022 ata a actualidade Silvia Amoedo ostentaba a Subdirección de Enfermaría do Hospital Comarcal do Salnés.