UN PROXECTO FORMATIVO DA ENFERMERÍA OURENSÁ PREMIADO NO PRIMEIRO CERTAME DA FUNDACIÓN HUMANS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 03 2023

A enfermería ourensá estivo moi presente este ano na I Edición dos Premios da Fundación Humans, e no certame celebrado en Madrid onde se expuxeron as iniciativas finalistas seleccionadas, entre mais de 293, acadando o segundo premio -no apartado de Liderazgo Humanizado- o “Proxecto Alba”  proposta dun equipo de enfermeiras e enfermeiros do Hospital Universitario de Ourense, para facilitar a transferencia de coñecementos en áreas especiais ou complexas como as unidades de criticos.

O equipo, liderado por Rebeca María Gómez Espinosa, enfermeira da Unidade de Calidade da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, estivo acompañado na entrega de premios por Ana María Gómez, subdirectora de enfermería, e outros membros do grupo de traballo, Borja Pérez Álvarez e Alfredo Pazos Rivero enfermeiros de Reanimación e Coidados Intensivos do Hospital universitario de Ourense.

Na súa candidatura a este premio nacional puxeron en valor a humanización e solidariedade da transferencia eficaz de coñecementos entre profesionais, que está na base do seu traballo, iniciado antes da pandemia e que durante esta acadou un valor clave, contribuindo á formación do persoal eventual que se incorporou para reforzar as unidades de enfermería, moi especialmente nas unidades de críticos.

Para lograr este obxectivo os integrantes do “Proxecto Alba” desenvolveron un conxunto de ferramentas sinxelas, desde vídeos a fichas, que serviron como guía rápida, ademais de fomentar a retención ou consulta rápida, para empregar con calidade e seguridade equipos ou aparataxe clínico de uso habitual nalgunhas unidades de enfermería. Este material presenta unha alta variabilidade de manexo, en función das marcas e modelos, o que engade complexidade de por sí e pode incrementar os niveis de estrés do persoal, especialmente no de recente incorporación.

Detección de necesidades e resposta formativa       

Proxecto Alba xurde do propio compromiso enfermeiro de afondar na investigación da ciencia dos coidados. Así, varios estudos de investigación dirixidos por persoal de enfermería das Unidades de Reanimación e Cardioloxía do Hospital Universitario de Ourense, detectan unha oportunidade de mellora no acceso ao coñecemento, que veña a cubrir un espazo vacante entre a formación académica e a continuada, dirixindo así a evidencia á necesididade de elaborar novos recursos.

A creación do equipo multidisciplinar, eminentemente formado por persoal de enfermería, conseguíu cobrir un dobre obxectivo, xa que mediante a participación activa na creación de material docente, xenerouse a súa vez un proceso de acceso e transferencia aos coñecementos, así como de continuidade coa detección de novas áreas de traballo.

Fundación Humans

A Fundación Humans ten por obxectivo investigar e formar sobre as dimensións do curar, acompañar e o enfermar desde un punto de vista ancorado nos principios do humanismo sociosanitario, aglutinando a profesionais sanitarios multidisciplinares, pacientes e organizacións do ámbito sociosanitario. Este seu primeiro premio naceu coa vontade de estimular a participación activa de institucións e profesionais.

Nesta primeira edición recibíronse 293 traballos de organizacións, profesionais en activo e asociacións de pacientes do ámbito sanitario e sociosanitario que buscan unha atención máis humanizada.

O xurado, composto por 15 expertos de prestixio e representantes de institucións relevantes, seleccionou os proxectos gañadores de cada área temática. Entre os criterios que se tiveron en conta para emitir o seu ditame, destacan: a calidade, o carácter orixinal e inédito, e o grao de detalle do traballo; a relevancia, alcance e capacidade de transferencia á sociedade; e a viabilidade, beneficio e impacto do mesmo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde