A XUNTA CONMEMORA ESTE SÁBADO O DÍA MUNDIAL DA OBESIDADE CUNHA ANDAINA DE 5 QUILÓMETROS ENTRE O MONTE DO GOZO E A PRAZA DO OBRADOIRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 03 2023
A Xunta de Galicia organiza este sábado, 4 de marzo, a andaina “Gastamos Pista”, cun percorrido de 5 quilómetros entre a capela de San Marcos, no Monte do Gozo, e a praza do Obradoiro, no que constitúe o último tramo do Camiño de Santiago.

A camiñada, que se iniciará ás 10:00 horas, organízase con motivo do Día Mundial da Obesidade, que se celebra o 4 de marzo, e se enmarca dentro do Plan de Obesidade Zero de Galicia 2022-2030 da dirección xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade para o fomento dun estilo de vida saudable.

A andaina “Gastamos Pista”, que percorrerá os últimos quilómetros do Camiño de Santiago nun tempo estimado de 75 minutos, xurde para promover a actividade física e o deporte como factor protector fronte ao sobrepeso e a obesidade, sumando pasos decisivos na procura dunha boa saúde.

Plan de Obesidade Zero 2022-2030 

O Plan de Obesidade Zero 2022-2030 é unha iniciativa do Goberno galego, que se presentou en maio de 2022, e que se centra na prevención da obesidade dende unha perspectiva de saúde pública.

O plan ten por obxectivo reducir o sobrepeso nun 15% da poboación galega no ano 2030, isto é, que 189.000 galegos deixen de ter sobrepeso ou obesidade. Trátase dun horizonte temporal con metas intermedias, avaliación e seguimento continuo das accións que se propoñen.

O plan estrutúrase en tres eixos estratéxicos, once obxectivos e 41 accións. O primeiro dos eixos céntrase en potenciar as contornas promotoras de saúde, identificando cinco delas sobre as que actuar, a política, a escolar, a laboral, a comunitaria, e a sanitaria e sociosanitaria. O segundo dos eixos baséase na capacitación para a toma de decisións máis saudables, e o terceiro incide na investigación e innovación en promoción da saúde.

Ademais, o Plan propón actuar promovendo os factores protectores fronte ao sobrepeso e a obesidade, a alimentación equilibrada, a actividade física regular e evitar o sedentarismo, a hixiene do sono e o benestar emocional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde