O ÁLVARO CUNQUEIRO ELIXIDO PARA IMPARTIR UN CURSO NACIONAL DE SIMULACIÓN CLÍNICA PARA INTENSIVISTAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 03 2023

O Hospital Álvaro Cunqueiro foi elixido pola SEMICYUC (Sociedad Española de Medicina Intensiva Crítica) para impartir o V Curso de Instructores en Simulación Clínica para Medicina Intensiva. Así, durante os días de hoxe e mañá, unha vintena de especialistas en medicina intensiva de diferentes hospitais de España están participando nestes obradoiros no Centro de Simulación do hospital. 

Este curso persegue a formación e capacitación de educadores para o uso da simulación clínica como instrumento de ensinanza, aprendizaxe e acreditación. Segundo explica a xefa do servizo de Medicina Intensiva da Área Sanitaria de Vigo, Dolores Vila, “a novidade desta edición é que por primeira vez a parte práctica se realiza no noso hospital; o feito de ser elixidos entre todos os centros nacionais pon en valor, ademais do nivel dos nosos intensivistas, a capacidade tecnolóxica e docente do Álvaro Cunqueiro.”

O curso, coordinado por la doutora María Jesús Broch, do Hospital La Fe de Valencia consta dunha parte teórica online deseñada para proporcionar os coñecementos xerais necesarios; e un módulo presencial onde experimentar o aprendido, desenvolvendo escenarios, practicando o debriefing (discusión posterior sobre o acontecido na sala de simulación) e adquirindo métodos de avaliación. 

7 intensivistas instrutores

Da UCI do Cunqueiro tamén recibirán formación 4 especialistas en medicina intensiva, polo que cando rematen esta aprendizaxe, o servizo de medicina Intensiva deste hospital contará con 7 especialistas acreditados como instrutores. 

“Esta formación aporta un plus de calidade aos nosos especialistas xa que a aprendizaxe con simuladores ten por obxectivo final mellorar a seguridade no coidado das pacientes”, asegura a doutora Vila. 

Centro pioneiro no Cunqueiro

O  Hospital Álvaro Cunqueiro dispón dun Centro de simulación médica avanzada  para a formación dos seus profesionais sanitarios. Trátase dunha iniciativa que permite ao persoal facultativo e de enfermería desenvolver cursos específicos en condicións que se achegan o máis posible á realidade á hora de tratar determinados casos.

Para isto conta con 2 salas de simulación, 2 de observación e unha de teoría. As salas están interconectadas entre sí para poder realizar o seguimento, mediante procedementos multimedia, das prácticas que se leven a cabo. Conta con catro maniquíes robotizados interactivos, reproducións en tamaño real, que permiten simular calquera suposto clínico que se poida producir nun tratamento ou intervención real.

Isto é grazas ao software que controla todo o proceso e  interacciona cos  maniquíes,  posibilitando xerar distintos supostos clínicos neles similares a casos reais que poden xurdir na práctica clínica diaria, como convulsions, subidas drástricas de tensión, sangrado, etc.

O software, ademais, facilita a gravación, e retransmisión ás salas contiguas das prácticas que realicen os asistentes aos cursos, así como posibilita a súa avaliación ou corrección, xa que se pode utilizar con aplicacións en calquera dispositivo móbil.

Precisamente, o Servizo Galego de Saúde acaba de crear a Rede Galega de Centros de Simulación  Avanzada para potenciar o uso desta ferramenta formativa, e creará unha programación estable financiada por ACIS (Axencia Galega de Coñecemento en Saúde)  para estes centros, a maiores da actividade que realice cada hospital.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde