A XUNTA AVALIARÁ A PARCELA OFRECIDA POLO CONCELLO DE POIO PARA O NOVO CENTRO DE SAÚDE E SOLICITARÁ OS TRÁMITES URBANÍSTICOS NECESARIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 03 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Flores, reuníronse hoxe co alcalde de Poio, Luciano Sobral, para recibir a proposta de parcela que o concello ten adquirido coa intención de cedela á administración autonómica para a construción dun novo centro de saúde.

O conselleiro indicoulles que esta parcela, que conta con 40.000 m2, necesita en primeiro termo dunha preceptiva visita de persoal técnico a Poio para avaliar cal sería a mellor localización do futuro centro dentro dela, o que implicará xa de entrada un trámite de segregación dunha parte da parcela.

Unha vez se conte con esa avaliación técnica da parte a segregar, o Concello deberá realizar todos os trámites urbanísticos para adaptar a cualificación e uso desa parcela e poder efectuar a súa cesión ao Sergas libre de cargas e gravames para a construción dun novo centro de saúde. Asemade, tamén é necesaria a dotación dos accesos necesarios para dar servizo a ese futuro centro. En consecuencia, a Xunta propuxo ao alcalde iniciar o trámite dun convenio que inclúa o compromiso do goberno local de levar a cabo eses trámites imprescindibles para que a cesión sexa posible e, unha vez realizados, o compromiso da Xunta de construír este centro de saúde.

O conselleiro de Sanidade lembrou que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, contempla na súa fase 1 a construción dun novo centro de saúde en Poio. Xa en dúas cartas remitidas ao alcalde de Poio en novembro de 2021 e marzo de 2022, o conselleiro viña reiterando a solicitude dunha parcela cunha edificabilidade de preto de 2.300 m2 para poder desenvolver este novo centro de saúde e ampliar as prestacións sanitarias da veciñanza de Poio.

Esta superficie responde á vontade do Goberno galego de que o novo centro inclúa novos espazos non existentes ata o momento nas infraestruturas sanitarias do concello como unha área de fisioterapia, con consulta e ximnasio, ou unha área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental, así como un despacho para traballo social. Por outra banda, búscase construír un centro con capacidade suficiente para dar servizo aos pacientes que actualmente teñen a súa asistencia sanitaria nos centros de Anafáns, Combarro e Raxó e que poderán adscribirse ao novo centro.

O incremento da superficie permitirá que o novo centro conte con sala polivalente, sala de técnicas, consulta de docencia, despacho de coordinación ou salas de estar e de xuntas para os profesionais, espazos que non existen nos centros actuais.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde