A XUNTA ACORDA POR UNANIMIDADE COAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DA MESA SECTORIAL O PRIMEIRO MANUAL DE COBERTURA DE AUSENCIAS EN CENTROS DE SAÚDE DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 03 2023
 

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu hoxe pola mañá, coa presenza da directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez; e da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, unha sesión cos sindicatos da Mesa Sectorial, na que se acordou, por unanimidade, o primeiro Manual de cobertura de ausencias en centros de saúde de atención primaria. 

O acordo asinado hoxe supón ordenar as ferramentas existentes de cobertura, priorizando a substitución mediante persoal contratado. Se ben, ante a ausencia de persoal na lista de contratación, promoverase, en primeiro lugar, a prolongación de xornada, limitándoa ata o máximo de cinco horas, reducindo a actual, que era de sete horas máximo. As axendas de prolongación poden darse en tres modalidades, en función das horas complementarias a realizar, de 2, 4 ou 5 horas. 

Regúlanse as axendas de ditas prolongacións para médicos de familia e facultativos especialistas de atención primaria, pediatras, enfermeiras especialistas e enfermeiras. Así, tamén, esténdese a posibilidade de intersubstitución a fisioterapeutas, matronas, e odontólogos, podéndose autorizar para farmacéuticos de atención primaria, e no caso de esgotarse as listas de contración.

A intersubstitución supón a asignación de pacientes do profesional ausente entre o persoal do centro de saúde, percibindo o 100% do salario fixo deste, coa finalidade de atender a todos os pacientes con cita programada en centros de saúde no caso de ausencia do titular, cando a axenda non foi suspendida. Con este manual, garántese o tratamento homoxéneo en todas as áreas de ambos conceptos, con axendas reguladas, horarios e indicadores de seguimento da actividade.

No caso de vacante, regúlase a acumulación voluntaria de cartillas entre o persoal médico que así o solicite, coa finalidade de incorporar os pacientes ao seu cupo, cun límite de 300 cartillas e por importe de 12.300 euros anuais.

O manual promove, tamén, a prolongación en equipo, coa finalidade de fomentar a actividade asistencial conxunta entre persoal médico e de enfermería. 

Estas medidas complétanse coas xa presentadas na mesa sectorial, como a posibilidade de prolongación por picos de actividade da propia axenda.   

Mellora da organización en atención primaria

No marco dos documentos planificadores en atención primaria da sanidade pública, acordouse, co apoio das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e CCOO, unha serie de medidas de mellora nas contías de conceptos retributivos vinculados á cobertura de ausencias e postos de difícil cobertura, así como tamén medidas de organización e xestión. Este acordo foi publicado mediante a Orde do 16 de setembro da Consellería de Sanidade no Diario Oficial de Galicia do 23 de setembro do pasado ano, e se completa hoxe, con este importante novo acordo por unanimidade, para a mellora da organización en atención primaria.

Entre as medidas previstas no acordo acadado no ano pasado estaba a aprobación dun manual de ausencias, o primeiro que se publica no Sergas para ordenar, de forma priorizada, as coberturas de ausencias nos centros de saúde, así como as axendas nos casos de prolongacións de xornada, que, por mor do acordo anterior, tiveron importantes subidas retributivas cun custo de preto dos catro millóns de euros.  Sinalar que, un 33% do persoal médico realiza con regularidade prolongacións de xornada sobre a ordinaria. 

 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde