A XUNTA HOMENAXEA A 162 PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA E BARBANZA QUE SE XUBILARON NO ANO 2022
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 03 2023
 

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu hoxe ao acto de homenaxe aos xubilados da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, no que estivo acompañado pola xerente, Eloina Núñez. Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu aos 162 profesionais que se xubilan o seu traballo “á hora de coidar da saúde dos demais, e exemplificando que a sanidade pública galega ten no seu persoal o seu capital máis importante”.

Comesaña destacou que “a sanidade é un dos bens máis prezados que temos, e en Galicia representa case o 40% dos fondos de toda a Xunta”. En concreto, “na área sanitaria manéxase unha partida de máis de 700 millóns de euros”. Os 159 profesionais que se xubilan, e por desgraza os que xa non están con nós, “sodes os principais responsables de que todo este investimento collese sentido para a mellora continua da atención sanitaria desta área”.

Fitos dos últimos anos

O conselleiro destacou, de  todos estes anos, diversos fitos no campo da sanidade deste área, como ser referencia en seis patoloxías, das que citou como exemplos os trastornos do movemento, a esclerose múltiple ou a epilepsia refractaria. “E cóntase con servizos tan punteiros como a unidade de diagnóstico e tratamento de enfermidades metabólicas conxénitas ou o servizo de Cardioloxía, que foi pioneiro na posta en marcha da e-interconsulta”.

Neste tempo, tamén celebrouse o 25 aniversario do Hospital de Barbanza, “un centro excelente que achega cada vez máis servizos aos veciñós desa comarca, como a nova unidade de rehabilitación cardíaca”, e que conseguiu fitos como ser o primeiro servizo de Diálise en España en obter a certificación UNE en xestión de riscos e seguridade do paciente.

“Serán outros os que vexan rematada a ampliación do Clínico ou o novo Centro de Protonterapia e serán novos profesionais os que estreen a nova área de hospitalización de Barbanza, pero poderán facelo porque antes estivestedes vós, demostrando que co voso traballo pagaba a pena investir e incrementar os servizos e as prestación sanitarias nestes centros porque o persoal desta área sempre responde ante os novos retos”, -remarcou Comesaña-.

Tamén destacou o conselleiro, o proceso exemplar de vacinación masiva realizado no Gaiás e as melloras no ámbito da atención primaria, como o centro de saúde da Estrada, nomeado o mellor de España, “o que reflicte que esta área tamén é unha referencia no primeiro nivel asistencial”.

En materia tecnolóxica, Comesaña destacou a introdución da tecnoloxía de cirurxía robótica, da man dos Da Vinci, ou a posta en marcha do equipo de ultrasóns focalizado, HI-FU, unha auténtica revolución para tratar o tremor esencial ou o párkinson.

“Todas estas melloras serían en van se non contásemos cun persoal de extraordinaria valia profesional e humana”, -concluiu o conselleiro-.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde