O conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, participou esta mañá na Andaina “Gastamos Pista”, que organiza a dirección xeral de Saúde Pública con motivo do Día mundial da Obesidade, e co obxectivo de fomentar os estilos de vida saudables.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o titular de Sanidade percorreu esta mañá os 5 quilómetros que separan a Capela de San Marcos, no Monte do Gozo, e a praza de Obradoiro.
A actividade enmarcase dentro do Plan de Obesidade Zero de Galicia 2022-2030 da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, e busca promover a actividade física e o deporte como factor de protección fronte ao sobrepeso e a obesidade.
García Comesaña convidou a toda a cidadanía galega a “Gastar pista”, que é o nome que recibe a campaña de comunicaciónda Xunta de Galicia para fomentar a realización de exercicio físico. Así, apuntou que o Exeutivo galego consignou 1,1 millóns de euros para levar a cabo programa e accións como as desta mañá.
O conselleiro salientou, entre outras, a implantación da “Rede Galega Local de Promoción da Saúde”; a ampliación do programa “Adestra a túa saúde”, que está conectando aos centros de atención primaria co persoal promotor de exercicio dos concellos galegos; ou a posta en marcha, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, dunha Cátedra de Vida Saudable.
Plan de Obesidade Zero 2022-2030
O Plan de Obesidade Zero 2022-2030 é unha iniciativa do Goberno galego, que se presentou en maio de 2022, e que se centra na prevención da obesidade dende unha perspectiva de saúde pública.
O plan ten por obxectivo reducir o sobrepeso nun 15% da poboación galega no ano 2030, isto é, que 189.000 galegos deixen de ter sobrepeso ou obesidade. Trátase dun horizonte temporal con metas intermedias, avaliación e seguimento continuo das accións que se propoñen.
O plan estrutúrase en tres eixos estratéxicos, once obxectivos e 41 accións. O primeiro dos eixos céntrase en potenciar as contornas promotoras de saúde, identificando cinco delas sobre as que actuar, a política, a escolar, a laboral, a comunitaria, e a sanitaria e sociosanitaria. O segundo dos eixos baséase na capacitación para a toma de decisións máis saudables, e o terceiro incide na investigación e innovación en promoción da saúde.
Ademais, o Plan propón actuar promovendo os factores protectores fronte ao sobrepeso e a obesidade, a alimentación equilibrada, a actividade física regular e evitar o sedentarismo, a hixiene do sono e o benestar emocional.