A saúde das mulleres terá un papel prioritario na Estratexia Galega de Saúde da Xunta de Galicia, que inicia o seu proceso participativo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa visita ao centro de saúde Fontenla Maristany, de Ferrol, onde comprobou o funcionamento do programa de cribado de cancro de cérvix que o Goberno galego puxo en marcha nesta área sanitaria a finais do ano 2022.
Acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e de responsables sanitarios desta área, Julio García Comesaña destacou o compromiso do Goberno galego coa saúde da muller, e enumerou algunhas das accións da Consellería de Sanidade con este fin, como a extensión de programas de cribado poboacionais, “que están axudando a previr o avance de cancros en moitas mulleres galegas”; o funcionamento das unidades de solo pelviano; a posta a disposición das mulleres da mellor tecnoloxía e equipamento diagnóstico e o inicio do proceso participativo da nova Estratexia Galega de Saúde, “que vai incorporar o enfoque de xénero na súa planificación e na que terá un papel relevante a saúde das mulleres”, resumiu o titular da sanidade galega.
Participación multidisciplinar de profesionais na Estratexia de Saúde Pública
En relación coa Estratexia Galega de Saúde, que constitúe o máximo instrumento de planificación da política sanitaria da Xunta, o conselleiro destacou que nel “a saúde das mulleres terá un papel relevante”. “Imos incorporar á elaboración deste documento a participación multidisciplinar de profesionais do noso sistema sanitario e daquelas organizacións e institucións que xogan un papel esencial no desenvolvemento do ecosistema de saúde de Galicia. O noso obxectivo non é ter un documento específico de saúde da muller senón contar co documento máis integral e participado posible e que nel, a saúde da muller impregne todas as políticas sanitarias”, remarcou García Comesaña.
Extensión dos cribados de cancro de cérvix para mulleres de entre 35 e 65 anos
Julio García Comesaña abundou ademais na introdución e extensión dos cribados poboacionais, destacando que o Goberno galego segue a apostar por esta liña de actuación, “co aumento dun 70% da partida para cribados nos Orzamentos da Xunta para 2023, ata chegar aos 2,6 millóns de euros”, e sinalando que “a extensión definitiva do programa de detección precoz do cancro de cérvix para mulleres de entre 35 e 65 anos constitúe un dos obxectivos principais deste incremento”.
O conselleiro de Sanidade lembrou que a Xunta traballa para que este programa de detección precoz de cancro de cérvix, que se implantou na área de Lugo en 2021 e ampliouse a finais do ano pasado ás áreas de Pontevedra e Ferrol, “chegue xa a toda Galicia, coa súa implantación, no ano 2023, nas catro área sanitarias restantes: A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo”. “Con este cronograma – precisou Julio García Comesaña- Galicia adiantarase dous anos aos obxectivos europeos de cobertura deste cribado”.
Un total de 17.731 mulleres participaron nos programas de cribado de cancro de cérvix nas áreas sanitarias nas que se implantou, a meirande parte en Lugo, por terse iniciado antes. Da case 18.000 mulleres, máis de 2.000 son de Ferrol. Do total de participantes, un 6,36% resultaron positivas ao virus do papiloma humano de alto risco, e nunha cuarta parte dos casos positivos atopáronse os xenotipos do virus que están implicados na maioría das lesións precursoras deste tipo de cancro. As modalidades de acceso ao programa son por invitación ou captando á muller na súa consulta coa matrona ou matrón. “Entre os dous sistemas, estamos a conseguir que máis do 50% das mulleres da poboación obxectivo participe neste programa” resumiu o conselleiro.
Detección precoz de cancro e mama e unidades de solo pelviano
O máximo responsable da sanidade galega sinalou tamén que a nova recomendación europea sobre programas e cribado, ademais de marcar obxectivos de cobertura, avala a ampliación nos rangos de idade dos cribados existentes. “Por iso, a Xunta de Galicia xa anunciou a ampliación, nesta lexislatura, do programa de detección precoz do cancro de mama, para superar o actual rango que vai dos 50 aos 69 anos, e chegar a todas as galegas de entre 45 e 74 anos.
Así mesmo, o conselleiro de Sanidade resaltou outro dos grandes puntos fortes dos programas de saúde da muller, que son as unidades de solo pelviano. Neste sentido, destacou que desde a posta en marcha destas unidades, entre o ano 2017 e 2021, as matronas de atención primaria atenderon a máis de 4.500 mulleres con disfuncións de solo pelviano. Julio García Comesaña explicou que, como a nivel hospitalario non existía homoxeneidade na atención nin unha estrutura funcional común, o Consello da Xunta aprobou o pasado mes de outubro o documento cos criterios xerais para a posta en marcha de Unidades funcionais multidisciplinares de solo pelviano en todas as áreas sanitarias galegas e que, na actualidade, “xa temos constituídas 7 unidades de solo pelviano, unha en cada área”.
Por último, Julio García Comesaña referiuse ao esforzo do Goberno galego para por a disposición da cidadanía o mellor equipamento de diagnóstico e tratamento posible, que repercute tamén na saúde das mulleres. Mencionou neste sentido a instalación de robots Da Vinci nas sete áreas sanitarias, equipamento que se utiliza para operar endometrioses ou cancros de cérvix ou de ovario, e destacou a renovación de 58 ecógrafos de xinecoloxía e obstetricia, por máis de 5 millóns de euros, para todas as áreas sanitarias e para os sete hospitais comarcais, tralo acordo do Consello da Xunta do 29 de decembro de 2022.
O conselleiro de Sanidade resaltou a implicación, interese e compromiso de todos os profesionais sanitarios, un labor “que redunda nunha mellora atención aos pacientes e, por suposto, ás mulleres da contorna”.