"Na actualidade, no Sergas as mulleres cobran non só o 100% das retribucións fixas durante os seus períodos de maternidade, risco durante o embarazo ou adaptación dos posto de traballo polo embarazo, senón que, tamén, perciben a media das retribucións variables cobradas o ano anterior. É dicir, non se ven prexudicadas salarialmente por esas gardas ou quendas nocturnas que non podan facer pola súa situación de xestación”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, referida ás medidas específicas de cara ás traballadoras embarazadas recollidas no I Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no Sergas.
Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, “case 700 profesionais do Sergas percibiron estas retribucións durante o pasado ano, garantindo que o embarazo non afectou ao seu salario.
Durante este ano, Comesaña dixo que o Sergas ten previsto despregar aínda máis as medidas neste eido, e, deste xeito, agora que xa se coñecen as datas dos exames de oposición para todo o persoal do Sergas, “temos que dicir que este hai hai unha gran novidade para as mulleres embarazadas, xa que se están de parto no día da oposición facilitaráselles realizar o examen dentro dos 15 días seguintes”.
Respecto das medidas en carteira, e que proximamente o Sergas presentará ás organizacións sindicais, está a mellora da xestión dos permisos de maternidade para o persoal das listas de contratación. Así, -segundo detallou Comesaña-, hoxe o persoal fixo do Sergas conta cun permiso de ata 22 semanas por parto, adopción ou acollemento. As primeiras 18 corren a cargo da Seguridade Social pero as seis últimas as engade o Sergas, con orzamento propio.
O obxectivo do departamento sanitario galego é, -proseguiu o conselleiro-, “axustar o exercicio deste dereito ás circunstancias do persoal das listas de contratación, que non sempre está a traballar de xeito continuado durante ese período”.
A pretensión do Sergas é que esas seis semanas de permiso poidan ser acumulables a través de sucesivos nomeamentos. Sumaríanse ou ben ata esgotar esas seis semanas ou ata que, aínda que non se esgotaran, o menor supere os doce meses. “E, por suposto, garántese que todo ese período de seis semanas tanto o desfrutado como o non desfrutado, sexa recoñecido como tempo traballado a efectos administrativos de puntuación e listas”, subliñou o máximo responsable do Sergas.
Tamén imos propoñer ás organizacións sindicais, -proseguiu Comesaña-, “negociar unha regulación da flexibilidade horaria das mulleres embarazadas a partir do seu terceiro trimestre de embarazo”.
Diálogo e consenso
Todas estas medidas, -dixo o conselleiro-, teñen un punto de partida básico de diálogo e de consenso, que é a aprobación, en xullo de 2021, do I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Sergas por unanimidade de todas as organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade. Posteriormente, en marzo do pasado ano, produciuse un acordo unánime na Mesa para desenvolver ese Plan de igualdade no eido da maternidade e obtívose o aval sindical a 23 medidas de protección das profesionais embarazadas da sanidade pública galega.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que “seguiremos a avanzar e negociar para concretar aíndas máis iniciativas que se engadan ás 23 medidas que incorporamos o pasado ano, avances que cremos moi relevantes para reforzar, aínda máis, a protección e a non discriminación da muller nun dos sectores máis feminizados de Galicia. Agardamos poder continualas co mesmo consenso sindical co que traballamos ata o de agora”.