Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol da Área Sanitaria de Ferrol súmase ó Día Mundial do Ril, e colabora coa Federación Alcer Galicia no seu obxectivo de concienciar sobre a saúde renal, da que gran parte da poboación é descoñecedora. Esta asociación situou esta mañá unha pancarta informativa no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, e estiveron presentes o director asistencial da Área, Luis González Taboada; o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo; e o responsable de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro; xunto cos representantes de Alcer Coruña, a vocal, Julia Redondo Sierra; a traballadora social, Ángela Breijo Durán; e o voluntario, Gumersindo González Arias.
En canto á saúde renal como descoñecida, inciden un ano máis nas claves básicas de prevención; e en que máis da metade das consultas por enfermidade renal crónica teñen a súa orixe en enfermidades evitables como a diabetes e a hipertensión. Por isto son tan importantes as medidas de prevención na poboación xeral e a detección precoz en persoas en idade avanzada, con hipertensión, diabetes ou pacientes con enfermidade cardiovascular en xeral. A insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo.
Os asistentes reiteraron esta mañá as medidas xerais de prevención na poboación xeral, que non por básicas menos importantes: exercicio físico a tódalas idades e evitar o sobrepeso; dieta san, con restrición do consumo de sal e graxas saturadas; non fumar; e limitar o consumo do alcohol. A enfermidade renal ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadios. O importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar o súa progresión.
Na Área Sanitaria ferrolá, un total de 19 persoas comezaron o tratamento renal substitutivo crónico durante o pasado ano 2022; e, a 31 de decembro dese ano, un total de 283 persoas están en diálise ou transplantadas, (18 en diálise peritoneal, 124 en hemodiálise, e 141 transplantados). Ademais, realizáronse un total de 2.976 consultas externas en Nefroloxía, durante o pasado ano 2022. A maiores, os e as profesionais atenderon un total de 953 consultas a través da Telemedicina cos centros de saúde.
Atención ó ril na Área Sanitaria de Ferrol
A atención ás enfermidades do ril recae en Nefroloxía da Área que ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadios evolutivos da enfermidade. Un total de seis facultativos especialistas e catorce profesionais da Enfermaría, entre diálise e consulta, ocúpanse do coidado dos pacientes, xunto co persoal de hospitalización, e contando igualmente co apoio dos profesionais dos centros de saúde en tódalas etapas da enfermidade.
Nefroloxía abrangue a Hospitalización, as Consultas Externas e a Unidade de Diálise. Esta Unidade ten capacidade para realizar tódalas diferentes terapias. Realízase Diálise domiciliaria e a hemodiálise de crónicos e de agudos. No caso da hemodiálise, cóntase coa tecnoloxía máis avanzada dispoñible para a terapia renal substitutiva. Cóntase tamén cunha máquina portátil para a hemodiálise domiciliaria que favorece a rehabilitación social e laboral do enfermo crónico, e, ademais, simplifica moito o tratamento.
Pola súa banda, nas consultas externas abórdase a Nefroloxía Xeral, e conta tamén con tres consultas monográficas, a de Enfermidades Glomerulares e Sistémicas, a de Enfermidades Renais Hereditarias e a de Enfermidade Renal Crónica Avanzada. As enfermidades glomerulares son un grupo de enfermidades do ril que afectan ao glomérulo, unha estrutura encargada de filtrar o sangue para producir a urina; diversas enfermidades poden facer que se perda esta barreira, eliminándose na urina proteínas e distintos tipos de células. Sen un correcto tratamento, estas enfermidades poden levar á insuficiencia renal en pouco tempo. Pola outra banda, diversas enfermidades sistémicas como son o lupus ou as vasculites poden afectar tamén ao ril e conducir a unha insuficiencia renal terminal sen un tratamento axeitado.
Na consulta de Enfermidades hereditarias abórdanse as enfermidade de ril cun compoñente xenético. O eido das enfermidades hereditarias é un dos campos da especialidade onde maiores progresos se acadaron nos últimos anos, facendo posible diagnósticos precisos en patoloxías nas que pouco tempo atrás só se aproximaba o diagnóstico a través da clínica. O estudo xenético está a permitir o diagnóstico do paciente e familiares e prestar consello xenético. Os pacientes e as súas familias poden contar cunha asistencia especializada na atención de doenzas pouco frecuentes e de elevada complexidade. Finalmente, na consulta de Enfermidade Renal Crónica Avanzada séguense a máis de cen pacientes nos estadios máis evolucionados da enfermidade, cunha media de 76 anos e que moitos dos cales precisarán nun futuro realizar tratamento de substitución renal. Xunto con isto, o servizo foi o primeiro en Galicia en realizar Teleconsulta de Nefroloxía cos centros de saúde.
Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.