Cento trinta especialistas de hospitais de toda Galicia e do Norte de Portugal participan desde hoxe nas XIX Xornadas Galaico-Lusas de Endoscopia dixestiva do Clube Endocópico do Eixo Atlántico (CEDEA), organizadas nesta edición polo servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
As xornadas foron inauguradas esta mañá pola directora asistencial da Área Sanitaria, Mar Vázquez, que destacou o crecente e relevante papel dos endoscopistas no diagnóstico e cada vez mais na terapéutica e na prevención, evitando ademais numerosas cirurxías..
CEDEA é unha organización singular trasfronteriza que agrupa, desde hai máis de vinte anos, aos especialistas de ambos lados da fronteira co interese común, non só de partillar os seus coñecementos e experiencias profesionais, senón tamén en afondar no espírito de colaboración que xurdíu en Vila Nova da Cerveira, na primeira reunión celebrada.
A sexta tivo como sede Ourense, e quince anos despois retorna co obxectivo de abordar algunhas das técnicas que máis interese concitan, como as das vías biliares que combinan CPR con endoscopia, así como os novos procedementos de resección que avanzan no perfil cada vez mais intervencionista da especialidade.
Crecente papel da endoscopia
O coordinador das xornadas, Santiago Soto, do Servizo de Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense, destaca que “a endoscopia dixestiva ten cada vez un papel terapéutico máis importante, o que permite resolver problemas dos pacientes, evitando en moitas ocasiones cirurxías moi invasivas, de gran complexidade e asociadas a morbimortalidad, como no caso das enfermidades da vía biliar”.
Para o xefe do servizo ourensán, Eloy Sánchez, o congreso ten a relevancia de reunir a especialistas galegos e portugueses que pertencen “a sistemas de saúde completamente distintos polo que, aínda que as técnicas que aplicamos son as mesmas, o enfoque á resolución de problemas e as veces moi diversa” o que enriquece o encontro.
A reunión abordará as terapéuticas endoscópicas máis actuais como a disección mucosa, ou o POEM (miotomía endoscópica peroral) nova técnica endoscópica que permite tratar as patoloxías motoras do esófago. Ademais dun dos temas nos que o servizo de Ourense é referente a aplicación da intelixencia artificial na endoscopia, co proxecto Polydeep que pasa xa a segunda fase de investigación clínica para o seu desenvolvemento como ferramenta para mellorar os diagnósticos que agora se obteñen mediante colonoscopias e biopsias tradicionais.
PolyDeep: Intelixencia Artificial como guía na endoscopia
Investigadores do Hospital Universitario de Ourense, liderados polo Dr. Joaquín Cubiella e da Escola de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, Universidade de Vigo, desenvolveron un innovador sistema de detección de pólipos colorrectais que emprega intelixencia artificial (IA) para detectalos, así como diagnosticar en tempo real o grao de malignidade dos mesmos, ou se son benignos ou tumorais.
O proxecto 'PolyDeep' iniciouse en 2018 e, en 2021, comezou a segunda fase, co financiamento do proxecto 'PolyDeep Advanced' pola Axencia Estatal de Investigación. Seu obxectivo é axudar ao endoscopista no recoñecemento e detección de pólipos e incluso analizar se potencialmente perigosos, para evitar reseccións innecesarias.
Están programadas tamén dúas conferencias maxistrais que tentarán vislumbrar cal será a futuro da especialidade (Dr Juan Vila) partindo das experiencias de toda unha vida laboral (Dr Castro Alvariño) servindo de merecida homenaxe á recente xubilación deste último, que é un dos impulsores mais salientables da CEDEA.