O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal Viñas, reuniuse esta semana co persoal médico do centro de saúde da Parda. Na xuntanza estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Flores Arias, e polo xefe de servizo, Manuel Prieto.
Na xuntanza, o director xeral abordou as medidas postas en marcha polo Goberno galego para a mellora da sanidade pública no ámbito da atención primaria, como é a cobertura de prazas por concurso de méritos, diante do problema da falta de facultativos, principalmente de médicos de familia, que está a acontecer en toda España.
Aboal puxo en valor que o da Parda é un dos centros de saúde da cidade que conta con instrumentos de traballo en equipo e actividade comunitaria proactiva. Tamén destacou o bo funcionamento neste centro do sistema CRM100 de devolución de chamadas, cun 95% de resolución das chamadas no día.
Así mesmo, abordáronse cuestións relacionadas coa optimización de espazos.
Na súa visita, o director xeral e o xerente fixeron un percorrido polo centro de saúde.