​XUNTA E CONCELLO DE CASTRO CALDELAS REMATAN A SUBSTITUCIÓN INTEGRAL DA CUBERTA DO CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 03 2023
 


O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña e a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, supervisaron a finalización da obra de substitución integral da cuberta do centro de saúde desta localidade. 

Na visita estiveron acompañados polo Delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e as directoras asistencial e de recursos económicos da área sanitaria, Mar Vázquez e Loli Durán, así como do xefe de servizo do propio centro, o doutor Carlos Moral.

O orzamento executado foi de preto de 200.000 euros, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Debido ao elevado importe da reforma, neste convenio non se aplicou a regra de cofinanciamento ao 50% que adoita rexer os acordos para reformas en centros de saúde de titularidade municipal. Polo tanto, o Sergas achegou o 75% dos fondos.

Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

As obras de reforma consistiron, en primeiro lugar, no levantado de toda a cubrición existente de chapa metálica e vidro nas partes acristaladas, así como no levantado de canles e baixantes existentes. Despois revisouse o estado no que se atopaba a estrutura portante da cuberta para a súa reparación. A continuación tivo lugar o replanteo de pendentes e colocación de canles, garantindo a súa correcta evacuación cara ás baixantes existentes, ou a proposta de novos puntos de evacuación de auga. Por último, recolocouse a nova cubrición de chapa metálica de dobre capa con illamento intermedio, coa oportuna execución de remates, axustes, pezas especiais e posta en servizo.

Esta actuación permitiu deste xeito rematar cos problemas de filtracións e humidades que sufría o centro por mor de vicios construtivos producidos no momento da súa execución.

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-.  En particular, o Concello de Castro Caldelas recibiu no 2022 máis de 30.000 euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 111 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares), Carballeda de Avia e Ribadavia, mentres que se atopa iniciada a reforma no centro de saúde de Arnoia. 

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nesta área sanitaria centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castrelo de Miño, Baltar, Riós ou Vilar de Barrio.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando hai que facer reformas.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde