A Xunta de Galicia destinará este ano 744.000 euros para a loita contra a leucemia e para garantir que os pacientes da nosa Comunidade que necesiten un transplante de medula ósea e non teñan un familiar compatible poidan ter localizado un doante, buscando primeiro no noso país, ou acudindo ao resto de rexistros mundiais se fose necesario. A Fundación Josep Carreras é o rexistro que está autorizado en España para tal fin.
Este é o obxectivo do convenio de colaboración que o Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, mantén coa Fundación Josep Carreras para a loita contra a leucemia, e que será renovado tralo visto e prace do Consello da Xunta. O Goberno galego incrementará nun 3,5% o orzamento adicado á loita contra a leucemia a través desta fundación, destinando un total de 744.000,00€.
Ao longo do ano 2022, o Servizo Galego de Saúde levou a cabo un total de 33 transplantes de medula ósea de doadores non emparentados, unha cifra que chega ata os 436 desde o ano 2008.
En 2022 tamén se realizaron 27 transplantes de doantes emparentados, e 133 autólogos ou autotransplantes, co que a cifra de transplantes de medula ósea en Galicia durante ese período ascende a 193.
Así mesmo, desde o ano 1993, cando Galicia comezou a realizar transplantes de medula ósea, realizáronse máis de 4.000 intervencións na nosa comunidade.
Cómpre destacar tamén que Galicia rexistrou no ano 2022 un total de 1.187 novos doantes de medula ósea, co que a nosa Comunidade conta con 13.714 doantes inscritos no REDMO (Rexistro de Doantes de Medula Ósea).
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Servizo Galego de Saúde lembran a xenerosidade amosada polos doantes, e agradecen a aquelas persoas que deron o paso para facerse doantes ou foron xa doantes efectivos – un total de 9 en Galicia o pasado ano-. Destacar tamén o importante traballo dos profesionais dos centros hospitalarios galegos nestes procesos.
Tres tipos de transplantes de medula
Existen tres tipos diferentes de transplantes de medula, tamén chamados de proxenitores hematopoéticos: autólogo, aloxénico emparentado e aloxénico non emparentado.
Os transplantes autólogos son aqueles nos que se usan as células do propio paciente. Neles realízase a extracción deste tipo de células, que se tratan con medicación e que se utilizan para o tratamento do propio paciente. Os transplantes aloxénicos emparentados son aqueles nos que os doadores das células son familiares dos pacientes que son compatibles (algo que sucede nun 25-30% dos casos); e os transplantes aloxénicos non emparentados son aqueles nos que non se poden usar as células propias do paciente e non hai un doador compatible dentro da familia. Cando isto sucede, recórrese aos rexistros nacionais de doadores non emparentados e de unidades de sangue de cordón umbilical, de forma que cando un paciente necesita un transplante e non ten un familiar compatible recórrese ao Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea (REDMO).
No caso de non atopar un doador nel, o REDMO conecta de forma automática co resto de rexistros internacionais de doadores de medula ósea e bancos de sangue de cordón umbilical, que agrupa a través do Bone Marrow Donors Worldwide (BMDW). En España isto faise a través da Fundación Josep Carreras, que é o rexistro que está autorizado no noso país para tal fin.