O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o anuncio polo que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio da lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro do Servizo Galego de Saúde.
Ofértanse neste proceso selectivo un total de 1.556 prazas das cales 1.135 corresponden á quenda de acceso libre, 332 a promoción interna e 89 a discapacidade xeral. Estas 1.556 prazas engádense ás 459 ofertadas mediante o sistema de concurso de méritos, cuxas listas provisionais de admitidos foron publicadas o pasado luns.
Resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 9.857 aspirantes e foron excluídos case o 7% dos profesionais inscritos.
O 13,9 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio.
Cómpre destacar que o 9 % das inscricións para este proceso formalizáronse por persoas residentes en concellos de fóra da nosa Comunidade Autónoma. A media de idade dos admitidos é de 35 anos e o 87% son mulleres.
Exercen o seu dereito á promoción interna, solicitando participar por esta quenda de acceso, un total de 131 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde con vinculación fixa que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación.
As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.
Os aspirantes excluídos, non exentoss do exercicio de lingua galega ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 29 de marzo) contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.
Redución da taxa de temporalidade
Neste concurso-oposición inclúense prazas da oferta ordinaria dos anos 2019 a 2022, e tamén da oferta de estabilización do persoal temporal aprobadas polo Decreto 81/2022, do 25 de maio, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.
Como novidade neste proceso selectivo, para superar o exercicio eliminatorio da fase de oposición, a persoa aspirante debe obter o 35 % da puntuación máxima alcanzable nesta proba. Na fase de concurso, a valoración da experiencia profesional representa o 70 % da puntuación total da fase de concurso, asignando a maior puntuación á experiencia profesional na mesma categoría.
Actualmente, están en desenvolvemento os procesos selectivos para un total de 105 categorías de persoal estatutario, mediante procesos de concurso de méritos e concurso oposición, que permitirán a incorporación de 5.585 profesionais como persoal fixo.