A
Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acolle hoxe
unha Xornada de Portas Abertas para asociacións de pacientes, con
patoloxías crónicas susceptibles de descompensarse e causar risco
vital, con motivo da celebración da Semana da Administración
Aberta. Este acto, que se celebra a nivel mundial, ten lugar en 76
países e implica a máis de 150 gobernos nacionais e rexionais.
A
Semana da Administración Aberta constitúe unha iniciativa impulsada
pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) co obxectivo de
achegar as administracións públicas á cidadanía. Trata de dar a
coñecer os principios nos que se sustenta o Goberno Aberto, é
dicir, a transparencia, a rendición de contas, a participación
cidadá, a integridade pública e a colaboración.
Neste
ano 2023, desde a Consellería de Facenda e Administración Pública
decidiuse organizar unha Xornada de Portas Abertas na Fundación
Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para achegar á
cidadanía o funcionamento do servizo sanitario máis valorado polos
seus usuarios na Comunidade Autónoma. Na visita participaron 22
persoas, membros da Asociación de Enfermos de Glicoxenose,
Asociación Diabética Auria e Federación Galega de Enfermidades
Raras e Crónicas.
Visita á Central de Coordinación
A
directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira
Pan, presentou as principais liñas de actuación do servizo público
de urxencias sanitarias extrahospitalarias, así como os proxectos
máis inmediatos. A xornada continuou cunha visita á Central de
Coordinación, desde onde se xestiona a demanda sanitaria da
Comunidade Autónoma, e a unha ambulancia asistencial de soporte
vital avanzado na que persoal sanitario do 061 explicou como
desenvolven a súa actividade diaria. Para finalizar, solicitouse aos
participantes que encheran unha enquisa sobre a visita e así coñecer
as inquedanzas e as suxestións directas da cidadanía como unha
oportunidade da mellora cara á prestación dos servizos públicos.
Programas asistenciais
Adriana
Regueira subliñou a importancia dos programas específicos para
patoloxías crónicas de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que
tratan de axilizar a asistencia sanitaria mediante a identificación
temperá dos pacientes e da enfermidade que padecen e a aplicación
inmediata do protocolo requirido. Entre eles atópase o programa
Alerta Escolar que conta con 7.789 nenos inscritos, dos que o 50% son
alérxicos, o 29% sofren epilepsia, o 10% son diabéticos e o 11%
restante sofren outras patoloxías.
Por
último, é importante lembrar que
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar
atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na
Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que
moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se
reciben a asistencia sanitaria axeitada.