​UN OBRADOIRO ABORDA A CARGA EMOCIONAL DA ALIMENCIÓN NA PROCURA DE HÁBITOS NUTRICIONAIS SAUDABLES ENTRE A COMUNIDADE ESCOLAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 03 2023

Salubrízate, o grupo de saúde comunitaria do Centro de Saúde Novoa Santos, organizou esta mañá no Colexio Plurilingüe Carmelitas, o obradoiro “Alimentando Emocións” no que se afonda na carga emocional que rodea á comida, e na súa necesaria abordaxe na procura de adquirir hábitos nutricionais saudables.

O curso práctico plantéxase como unha intervención de saúde comunitaria, na que participan e se comprometen a actuar tanto a comunidade escolar como a familiar. Con esta iniciativa preténdese constituír grupos socio-educativos, para mellorar a saúde dos alumnos e alumnas, pero tamén do profesorado e as familias, promovendo hábitos de vida saudables que inclúan a alimentación e o exercicio no entorno natural máis próximo.

No desenvolvemento da actividade grupal empréganse técnicas de motivación, reforzo, apoio e capacitación, para compartir experiencias, adquirir coñecementos básicos e adoptar hábitos de alimentación saudables, dacordo cun modelo de empoderamento, para potenciar o protagonismo das persoas para acadar o seu propio benestar. 

O obradoiro, que xurde con vocación de continuidade, para estendelo a outras comunidades e contornas, é resultado dun traballo de contactos previos coa comunidade escolar, que comezou en xaneiro, por parte dos membros do grupo Salubrízate, que dirixe Mercedes Hernández, especialista de medicina familiar e comunitaria do Novoa Santos. Na actividade de hoxe, e no previsto mañá, participan ademais residentes en formación e voluntarios externos.

A alimentación como patrón modificable

Os estilos de vida, e dentro destes a alimentación, xogan un papel fundamental na saúde das persoas. Por iso, para facer cambios cara uns hábitos máis saudables é preciso convertelo nun acto consciente, xa que o coñecemento, as emocións e as habilidades xogan un papel decisivo.

Para asegurar os novos patróns de conduta e con garantía de beneficio e continuidade, ademais do cambio individual, é preciso implicar tamén á rede familiar ea contorna onde vivimos. 

Así algúns dos contidos que hoxe se abordaron no obradoiro foron os aspectos nutricionais básicos e os beneficios da alimentación saudable, así como os perigos do consumo de risco. Ademais traballouse en como asociar a alimentación saudable a emocións positivas, de desfrute e benestar en compañía; en aprender habilidades de compra e cociña asequible e de proximidade. Todas elas claves para vivir mellor e en harmonía coa contorna.

Os estilos de vida, e neles a conduta alimentaria saudable, teñen enormes beneficios no benestar e na prevención da enfermidade, coa vantaxe de ser factores modificables, para elo o curso traballou ademais de no aprendizaxe de coñecementos sobre a alimentación saudable, en identificar as emocións que producen algúns menús; compartir emocións en torno aos alimentos e en chegar a acordos sobre a alimentación.

Plan de Obesidade Zero

O obradoiro enmárcase no Plan de Obesidade Zero 2022-2030, unha iniciativa da Xunta de Galicia, que se centra na prevención da obesidade dende unha perspectiva de saúde pública.

O plan ten por obxectivo reducir o sobrepeso nun 15 % da poboación galega no ano 2030, isto é, que 189.000 galegos deixen de ter sobrepeso ou obesidade. Trátase dun horizonte temporal con metas intermedias, avaliación e seguimento continuo das accións que se propoñen.

O plan estrutúrase en tres eixos estratéxicos, once obxectivos e 41 accións. O primeiro dos eixos céntrase en potenciar as contornas promotoras de saúde, identificando cinco delas sobre as que actuar, a política, a escolar, a laboral, a comunitaria, e a sanitaria e sociosanitaria. O segundo dos eixos baséase na capacitación para a toma de decisións máis saudables, e o terceiro incide na investigación e innovación en promoción da saúde.

Ademais, o Plan propón actuar promovendo os factores protectores fronte ao sobrepeso e a obesidade, a alimentación equilibrada, a actividade física regular e evitar o sedentarismo, a hixiene do sono e o benestar emocional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde