O CB Breogán e a Axencia de Doazón de órganos e Sangue (ADOS) presentaron esta mañá a campaña conxunta que ambas institucións, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, promoverán ao longo dos próximos días na cidade de Lugo. A directora de ADOS, Marisa López García, agradeceu ao CB Breogán a constante cooperación e implicación do club co altruísta xesto da doazón.
A dirección de ADOS salienta a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para lograr unha conciencia solidaria proclive á doazón como, nesta ocasión, está a impulsar o CB Breogán e a Deputación Provincial de Lugo, xa que poden unir os valores positivos do ámbito deportivo á nosa mensaxe e transmitila con maior proximidade por ter un amplo calado social.
Marisa López transmitiu ao CB Breogán os seus mellores desexos para esta temporada no que o club lucense compite na máxima categoría do baloncesto nacional. Así mesmo, a directora de ADOS agardou que os bos resultados deportivos acompañen ao Breogán no que resta de competición.
Distribución de entradas
Entre as iniciativas que está a realizar o CB Breogán con ADOS, salientar que o xoves 30 de marzo agasallarase ás persoas que acudan a doar ata a unidade móbil de ADOS, con invitacións para poder asistir gratis ao encontro do Río Breogán e o Joventut de Badalona do sábado 1 de abril, ás 18 horas (ata rematar o número de entradas dispoñibles). As persoas que desexen participar poderán acudir ata a unidade de ADOS que estará en:
- Praza Maior de Lugo en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21 horas.
Ao longo da xornada do xoves, está previsto que membros da directiva, do corpo técnico e de xogadores do club lucense, acudan á unidade móbil de ADOS para saudar aos doantes.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agradece a todos os membros do CB Breogán (directiva, corpo técnico, xogadores...) a súa especial sensibilidade en torno a doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso, dende hai anos, para impulsar este xesto solidario en Lugo, agardando que coa súa contribución, esta provincia acade os niveis de doazón que recomenda a Organización Mundial da Saúde.
Unha unidade móbil de ADOS visitará nestes días os seguintes concellos de Lugo:
DATA |
CONCELLOS |
Mércores 29 de marzo |
LUGO
F. ADMINIST. 09:30-14:30 UNIDADE MÓBIL DIANTE DA EXPLANADA DA FACULTADE ALFOZ 16:30-21:00 UNIDADE MÓBIL FRONTE AO CONCELLO (A SEARA) |
Xoves 30 de marzo |
LUGO
PRAZA MAIOR. 09:30-14:30 15:30-21:00 UNIDADE MOBIL NO FONDO DA PRAZA MAIOR |
Venres 3 1 de marzo |
MONTERROSO 10:00-14:00 UNIDADE MÓBIL AO CARÓN DO CONCELLO LUGO ZONA PARQUE CASTIÑEIRO 15:30-21:00 UNIDADE MÓBIL FONDO DA PRAZA CASTIÑEIRO (RUA LAMAS DE PRADO- RUA JUANA LA LOCA)
|
Sábado 1 de abril |
CASTRO RIBERAS DE LEA 10:00-15:00 UNIDADE MÓBIL NO CAMPO DA FEIRA |
Ademais, tamén se pode doar sangue no local de doazón existente na cidade de Lugo:
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGO |
Luns e venres das 15 ás 22 horas
Martes, mércores e xoves das 8 ás 15 horas |
Doar é moi sinxelo e seguro
Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.