PORTAS ABERTAS PARA A FORMACIÓN DE RESIDENTES NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 03 2023

​A Área Sanitaria de Ferrol abre mañá as súas portas para invitar ós futuros profesionais da sanidade a que se formen como residentes na Área Sanitaria de Ferrol. Para contarlles por que escoller esta Área para a súa formación, organizan unha xornada mañá venres 31 de marzo, ás 11:00, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Alí diversos profesionais, titores e residentes indicaranlles as diversas cuestións en relación coa formación nesta Área Sanitaria e responderán ás diferentes dúbidas que teñan. Son un total de 49 as prazas ás que poden optar este ano na nosa Área Sanitaria de Ferrol.

Como novidades, aumenta significativamente o número de prazas ofertadas de formación sanitaria especializada en Medicina Familiar e Comunitaria, que pasan de 9 prazas a 15. Dende o departamento de Docencia, destacan que a Área Sanitaria de Ferrol “ofrece unha formación residente familiar e achegada, cunha relación estreita tanto cos titores como cos profesionais dos centros. O residente non é un número, é un compañeiro máis”. “Todo isto reporta unha formación de calidade”, engaden. Ademais, outra das grandes vantaxes é que se facilitan as rotacións externas en centros de referencia nacionais e internacionais.

Cada vez máis especialidades acreditadas

Área Sanitaria de Ferrol conta con acreditación docente dende o ano 1978, e son, coa de Pneumoloxía que se acreditaba este ano, xa un total de 25 as especialidades acreditadas na actualidade: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Anestesia e Reanimación, Medicina Intensiva, Anatomía Patolóxica, Microbioloxía, e Endocrinoloxía. Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), a Enfermaría Familiar e Comunitaria, e a Enfermaría de Saúde Mental. Xunto con isto, cóntase con 12 centros de saúde acreditados para a docencia.

Na actualidade, son 84 os titores e colaboradores docentes nos distintos centros acreditados da Área Sanitaria de Ferrol; e hai un total de 111 profesionais Residentes: Análises Clínicas (1); Anatomía Patolóxica (1); Anestesia e Reanimación (3); Aparello Dixestivo (3): Cirurxía Xeral (5), Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (5); Dermatoloxía (4); Farmacia Hospitalaria (3); Medicina Intensiva (1); Medicina Interna (5); Neuroloxía (2); Obstetricia e Xinecoloxía (4); Oftalmoloxía (4); Pediatría (4); Radiodiagnóstico (4); Uroloxía (5); Unidade Docente Multiprofesional da Área Familiar e Comunitaria (45, 32 de medicina e 13 de enfermaría); Unidade Docente Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (3); Unidade Docente Multidisciplinar de Saúde Mental (9, 4 Psiquiatría, 2 Psicoloxía e 2 Eir Saúde Mental).

Lembrar novamente que a acreditación residente é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada e implica responder a un estándares determinados. O seu recoñecemento repercute de xeito significativo na calidade asistencial beneficiando ós usuarios e usuarias en tanto que esixe seguir mantendo criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais. 


Coñecementos que se adquiren 

En termos xerais, xa que cada especialidade ten as súas peculiaridades, no caso dos Médicos Internos Residentes da especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, para completar a súa formación, os novos médicos residentes comezan traballando os primeiros meses nun centro de saúde da Área, e posteriormente rotan nos centros hospitalarios. Pola súa banda, as e os profesionais residentes do resto de especialidades realizan as rotacións e gardas correspondentes nos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.


De xeito global, a supervisión do traballo dos residentes corre a cargo dos titores que son a referencia dos residentes durante a súa formación. Ó final de cada rotación, os residentes son avaliados polo seu titor, cualificándoos en base ós seus coñecementos e actitudes. Estes resultados, xunto cos méritos adicionais, como sesións clínicas ou investigacións que cada residente ten, establecen a súa avaliación anual e final, por un comité de avaliación.  


Pola súa banda, os contidos do programa formativo para as e os enfermeiros adecúanse ás necesidades actuais e futuras da atención no ámbito sanitario familiar e comunitario; e facilita os coñecementos necesarios cun amplo programa para adquirir experiencia rotando tanto no centro de saúde, como no hospital en distintas áreas, en Hospital de Día, nas urxencias e incluso na área de benestar social do Concello para familiarizarse coas estruturas sociosanitarias existentes. O primeiro ano de formación destes enfermeiros especialistas é máis técnico, e o segundo ano, é un traballo máis orientado cara ó paciente e ó seu entorno. Ademais esta unidade potencia a formación dos residentes no eido do traballo comunitario, buscando sempre a promoción da saúde, e a participación da comunidade adscrita a cada zona básica de saúde.


Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde