A XUNTA DESTINA MÁIS DE 54.000 EUROS Á VIXILANCIA DE POSIBLES ENFERMIDADES NOS ANIMAIS DE ABASTO SACRIFICADOS EN GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 03 2023
 

O Consello da Xunta aprobou esta mañá á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela, para que ambas institucións realicen estudos sobre as enfermidades, e a vixilancia da súa prevalencia, nos animais de abasto sacrificados en Galicia. O Executivo galego destina unha partida de 54.450 euros, para que se leven a cabo estas investigacións no período comprendido entre 2023 e 2026.

Con este acordo, a Xunta de Galicia dá resposta á solicitude da Dirección xeral de Saúde Pública, tras identificar a necesidade de dotar aos seus inspectores dunha estrutura de soporte que optimizase a súa capacidade de diagnóstico. Ademais, tamén responde á recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) no seu informe técnico número 99, no que apuntaba que era necesario que os departamentos sanitarios contasen cun sistema de probas complementarias para o apoio ao ditame do Servizo Veterinario Oficial durante o proceso de inspección postmortem.

O traballo colaborativo entre a Consellería de Sanidade e a USC contriburá a optimizar o control da seguridade alimentaria na nosa comunidade, mellorando as posibilidades de identificación das lesións atopadas nos animais de abasto sacrificados en Galicia; ao tempo que posibilitará o establecemento de criterios técnicos contrastados, para a súa aplicación en supostos que sexan susceptibles de interpretacións diversas, desde o punto de vista da seguridade alimentaria.

Por outra banda, este convenio de colaboración completará algúns eidos de liñas de investigación que permitirán establecer relacións epidemiolóxicas cos resultados obtidos, para así seren​ empregados na vixilancia e control das enfermidades en animais de abasto con repercusión en Saúde Pública, esta acción esta considerada como prioritaria no marco da estratexia One Health.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde