O
Consello da Xunta aprobou esta mañá á sinatura dun convenio de
colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Universidade de
Santiago de Compostela, para que ambas institucións realicen estudos
sobre as enfermidades, e a vixilancia da súa prevalencia, nos
animais de abasto sacrificados en Galicia. O Executivo galego destina
unha partida de 54.450 euros, para que se leven a cabo estas
investigacións no período comprendido entre 2023 e 2026.
Con
este acordo, a Xunta de Galicia dá resposta á solicitude da
Dirección xeral de Saúde Pública, tras identificar a necesidade de
dotar aos seus inspectores dunha estrutura de soporte que optimizase
a súa capacidade de diagnóstico. Ademais, tamén responde á
recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) no seu
informe técnico número 99, no que apuntaba que era necesario que os
departamentos sanitarios contasen cun sistema de probas
complementarias para o apoio ao ditame do Servizo Veterinario Oficial
durante o proceso de inspección postmortem.
O
traballo colaborativo entre a Consellería de Sanidade e a USC
contriburá a optimizar o control da seguridade alimentaria na nosa
comunidade, mellorando as posibilidades de identificación das
lesións atopadas nos animais de abasto sacrificados en Galicia; ao
tempo que posibilitará o establecemento de criterios técnicos
contrastados, para a súa aplicación en supostos que sexan
susceptibles de interpretacións diversas, desde o punto de vista da
seguridade alimentaria.
Por
outra banda, este convenio de colaboración completará algúns eidos
de liñas de investigación que permitirán establecer relacións
epidemiolóxicas cos resultados obtidos, para así seren empregados
na vixilancia e control das enfermidades en animais de abasto con
repercusión en Saúde Pública,
esta acción esta considerada como prioritaria no marco da estratexia
One
Health.