A XUNTA AGRADECE A BOA PARTICIPACIÓN DA CIDADANÍA GALEGA NAS CAMPAÑAS DE DOAZÓN DE SANGUE DO 2022
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 03 2023


A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), presentou esta mañá os datos de actividade da área de hemodoazón, poñendo de manifesto a boa resposta da cidadanía galega a prol da doazón altruísta de sangue. A directora de ADOS, Marisa López García, e o director xeral de asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, expresaron o seu agradecemento sincero a todas e cada unha das persoas que facilitaron que, no pasado ano, se realizaran 106.339 doazóns de sangue, cifra que permitiu ofrecer unha resposta satisfactoria ás necesidades hemoterápicas dos hospitais galegos.

Novos doantes

As 106.339 doazóns acadadas ao longo de 2022 supón obter unha taxa de 40 doazóns por cada mil habitantes e ano, o que significa que  Galicia está dentro dos índices recomendados pola OMS. 

ADOS agradece a todos os doantes o seu compromiso, que ten permitido aumentar o número de doazóns, así como acadar 9.624 novos doantes, un 28% máis que o exercicio anterior, incorporándose á actual base de doantes de Galicia.

Neste sentido, é de agradecer a boa disposición e colaboración de todos os concellos galegos, así como as empresas, centros educativos universitarios e non universitarios, colectivos de voluntarios e, en xeral, a toda a cidadanía galega, por posibilitar o mantemento dunha actividade imprescindible para un funcionamento axeitado do noso sistema sanitario.

PROVINCIA

DOAZÓNS

2020

DOAZÓNS

2021

DOAZÓNS

2022

TAXA DE DOAZÓN

2022

A Coruña

49.843

50.720

49.129

44/1.000

Lugo

7.828

7.828

8.121

25/1.000

Ourense

9.945

10.318

9.659

32/1.000

Pontevedra

37.061

37.421

39.430

42/1.000

TOTAL

104.637

106.287

106.339

40/1.000

Un dos elementos destacados nas estatísticas de participación do ano pasado é a concentración do 46,5% das doazóns nas sete grandes cidades galegas, nas que se rexistraron 49.509, o que supón un índice de 50/1.000. Sendo a cidade de maior taxa de doazóns Santiago de Compostela, con 102/1.000, aínda que, en números totais, foi a o concello de Vigo o que obtivo as maiores cifras, con 13.950 doazóns de sangue.

Participación por concellos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que o concello con maior taxa de participación de Galicia, excluíndo as sete grandes cidades, foi o municipio coruñés de Padrón, con 93 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

Na provincia de Lugo, Meira foi o concello con maior taxa de doazóns, cun índice de 54/1.000; na de Ourense, A Pobra de Trives tivo unha taxa de 67/1.000; e na de Pontevedra, o concello de maior participación foi o de Pontecesures, con 70/1.000. 

Campañas universitarias e compromiso coa calidade

Un dos apartados nos que ADOS está a desenvolver unha gran actividade, é a campaña de sensibilización en centros universitarios dos sete campus galegos que, no transcurso da primeira fase de doazón nas universidades galegas levada a cabo no presente curso académico, realizada dende finais de setembro ata novembro, acadáronse 2.365 doazóns de sangue; desenvolvéndose, na actualidade, a segunda fase de febreiro a abril.

Compromiso coa calidade

A Axencia de doazón de órganos e sangue (ADOS) conta cos máis altos estándares de calidade que se poden obter no ámbito sanitario pois, na actualidade, ADOS dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, así como as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditacións da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI).

Así mesmo, durante 2023, continuarase co programa de melloras en infraestruturas iniciado hai sete anos, coa recente posta en funcionamento do novo local de doazón de ADOS en Ourense, e seguirá coa incorporación en abril dunha nova unidade móbil para esta mesma provincia, que se vai engadir ao renovado parque de vehículos de ADOS.

ADOS manifesta o recoñecemento a todas as persoas, institucións, empresas e asociacións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, en especial ás Irmandades de  Doantes de Sangue e, como non podía ser doutra maneira, a todas as persoas que doaron sangue ao longo do ano 2022.

Chamamento á doazón de sangue

Dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue tamén queremos convidar a doar ás galegas e galegos nos días previos aos festivos de Semana Santa, en especial aos doantes 0 Positivo. As reservas deste grupo sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS.

Nos períodos festivos, como Semana Santa, pode baixar o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue. Neste sentido, lembrar que, durante todos os días do ano, precisamos entre 400 e 500 doazóns de sangue para que os hospitais galegos realicen o seu labor asistencial de maneira adecuada.

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo, que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán, nestes días,  máis de 30 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.
 
ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos seguintes desprazamentos:

DATA

CONCELLOS

Sábado 1

de abril

Praza de España (Ferrol), Os Castros (A Coruña), Bertamiráns (Ames), C.C.Vialia Estación de Vigo, Castro Ribeiras de Lea

Luns 3

de abril

Valdoviño, Bº Monte Alto e Os Rosales (A Coruña),Ordes, Aguiño (Ribeira), Ribadumia, O Rosal, As Neves, Chantada, Rúa do Paseo e Avda Buenos Aires (Ourense)

Martes 4

de abril

Ares, Arteixo, Santa Cruz (Oleiros), Milladoiro (Ames), Cacheiras (Teo), Portonovo (Sanxenxo), Gondomar, Mondariz, Ribadeo,A Valenza (Barbadas)

Mércores 5

de abril

As Pontes, Carballo,Obelisco (A Coruña), Ribeira, Praza Roxa (Santiago), Cambados, Aguarda, Arbo, Praza Maior, Ronda das Fontiñas (Lugo), Verín

Sábado 8

de abril

Bº San Valentín (Fene) Carballo, Ribeira. Cambados, A Guarda, Verín.

Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:

CENTRO

HORARIO

HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO

Luns a venres das 8 ás 22 horas

Sábado das 8 ás 15 horas

HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑA

Luns a venres das 8 ás 22 horas

Sábado das 8 ás 15 horas

HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE

FERROL

Luns das 15 ás 22 horas

Martes, mércores e xoves das 8 ás 15 horas

Venres das 8 ás 22 horas

HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGO

Luns e venres das 15 ás 22 horas

Martes, mércores e xoves das 8 ás 15 horas

HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE

Luns e venres das 15 ás 22 horas

Martes, mércores e xoves das 8 ás 15 horas

HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

Luns e venres de 8 ás 15 horas

Martes, mércores e xoves de 15 horas a 22 horas

HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGO

Luns a venres das 8 ás 22 horas

Sábados das 8 ás 15 horas


Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde