A Área Sanitaria
de Ourense, Verín e Valdeorras ven de asinar
un convenio coa Fundación “Cultura en Vena” que ten por obxectivo promover a
presenza nos centros sanitarios da provincia das artes como a pintura ou a música
como vehículos de saúde e benestar para pacientes, acompañantes e profesionais.
O convenio
permitirá colaborar para promover ou organizar concertos, exposicións, conferencias,
cursos, sesións de estudo e formación, campañas de sensibilización , etc.
Promovendo e contribuindo a xerar emprego para músicos, artistas e xestores
culturais, desenvolvendo ademáis actividades de voluntariado cultural. Ademais
márcase o obxectivo de promover e/ou realizar estudos e investigacións
relacionadas cos fines da fundación e organizar campañas de difusión nos medios
das distintas actividades e editar materiais relacionados en distintos formatos.
Centos de
estudos clínicos amosan evidencias científicas sobre o efecto positivo da cultura
no ámbito da saúde. A nivel europeo e nacional, nos últimos anos creáronse
novos marcos institucionais que suxiren a necesidade de integrar o uso de prácticas
artísticas nas políticas sanitarias, animando a asumir esta responsabilidade tamén
ás industrias culturais. Neste marco xurde Cultura en Vena, na
súa primeira colaboración cun centro galego e tras numerosas experiencias previas con
hospitais de Madrid, Segovia, Zaragoza ou Valencia.
As artes como fuxida e como alento
O novo convenio
permitirá afondar na liña de traballo que neste eido desenvolve a Área Sanitaria,
entre outras iniciativas, mediante o convenio coa Fundación Quessada, que permite
expoñer, de xeito permanente e gratuíto, parte da obra do artista ourensán
Xaime Quessada Porto e do seu fillo Xaime Quesada Blanco no Hospital
Universitario de Ourense. A música tamén esta moi presente no hospital grazas
ao convenio coa Asociación Galega de Musicoterapia, que colabora activamente
con algúns servizos como Psiquiatría.
A arte como
forma de limitar a dor é unha ferramenta ben coñecida polos profesionais de
saúde mental de Ourense, que pilotan o proxecto “Arte Espida” que pon en valor os
traballos artísticos dos pacientes das unidades de Piñor, ademáis dos que se
conservan do “Sanatorio de Toén”, hospital psiquiátrico de Ourense entre 1959 e
2012, e que proximamente formarán parte dunha exposición no Centro Cultural
Marcos Valcarcel.
Pequenos pacientes, grandes
lectores
A primeira
iniciativa no marco do convenio con “Cultura en Vena” será a participación dos
tres hospitais ourensáns na terceira edición de «Pequenos pacientes, grandes
lectores» dirixida inicialmente a estimular a escritura creativa, dos pacientes entre 7 e 16 anos, para compoñer un conto que
formará parte dunha biblioteca dixital, accesible para as persoas ingresadas dos
hospitais participantes de todas as idades, promovendo tamén a lectura e a reconexión
coa infancia, tan necesaria durante unha hospitalización.
O programa compleméntase
con doce vídeo obradoiros, nos que se trata de xeito ameno e comprensible temas
como a creatividade, as emocións básicas e diferentes aspectos da escritura e o
relato.
Ademais de formar
parte dunha biblioteca dixital en liña, unha selección dos contos participará
nunha exposición itinerante por hospitais e comunidades rurais, dentro do
programa de Arte Ambulatoria organizado por Cultura en Vena. O prazo de
presentación, nesta terceira edición, estará aberta ata o 30 de xuño de 2023
para recibir os relatos.
Músicos Interno Residentes e
Exposicións
Os principais
eidos de actuación da Fundación Cultura en Vena son os centros sanitarios, onde
traballan para mellorar a saúde e o benestar dos pacientes, dos seus
acompañantes e dos profesionais a través das artes, e tamén das comunidades
rurais en risco de despoboamento, achegando a arte plástica ou a música en
directo, promovendo así un modelo de desenvolvemento onde a cultura sexa un ben
cotiá e accesible.
Para elo,
traballan coa figura dos "MIR" (Músicos Internos Residentes), un proxecto que xera un
triplo impacto social, favorecendo a humanización e a investigación clínica,
sobre o efecto da música, e das artes en xeral, na saúde, así como promovendo a
inserción laboral de novos artistas.
Outro dos
vehículos para inxectar cultura no ámbito sanitario é o proxecto "Arte
Ambulatorio" con exposicións itinerantes en centros sanitarios e zonas
rurais da España baleirada, creando novos espazos permanentes para a cultura,
en hospitais ou centros de saúde, intervindo nos vestíbulos de acceso, salas de
espera ou nas habitacións.
Os contidos das
exposicións son xestionados cos principais museos e coleccións españolas e
europeas, así como con artistas contemporáneos comprometidos coa posta en valor
da cultura nos ámbitos da saúde. Asemade, as exposicións ambulatorias seguirán
o seu percorrido, e poderán verse en áreas ou concellos en risco de
despoboamento ou con acceso limitado a contidos culturais.