A Neurofisioloxía Clínica é a especialidade responsable do estudo
funcional do sistema nervioso central e periférico -mediante o rexistro e
interpretación da súa actividade
fisiolóxica- clave para o diagnóstico de numerosas patoloxías e, cada vez máis,
indispensable no quirófano e nos equipos multidisciplinares para o tratamento
de numerosas patoloxías. Esta última función clínica é precisamente o tema
central das primeiras xornadas de actualización que se celebrarán este sábado
en Ourense.
Esta complexa e
aínda nova especialidade implantóuse en Ourense nos anos 70, ligada a electroencefalografía
(EEG) e, desde entón, o seu crecemento está a ser imparable. Incorporando a
electromiografía (EMG), os potenciais evocados (PE) e, desde 2013, coa área de
monitorización neurofisiolóxica intraoperatoria (MNIO) contribuíndo ao avance
das técnicas cirúrxicas de especialidades como neurocirurxía, cirurxía xeral,
vascular, trauma ou otorrinolaringoloxía. Tamén colabora en equipos
multidisciplinares con outras áreas médicas como medicina interna ou
neuroloxía.
Igualmente, o
estudo de potenciais evocados (PE) se utiliza para o diagnóstico e prognóstico
dos pacientes críticos e xa forma parte dos protocolos de actuación habituais deste
hospital. Pola súa parte a electromiografía (EMG) é clave no diagnóstico da
maior parte de enfermidades neurolóxicas, dende as neuropatías ata a esclerose lateral
amiotrófica (ELA). Pese a este amplísimo abano de funcións, a especialidade é
aínda unha gran descoñecida, posiblemente pola súa complexidade e as
dificultades de facer comprensibles, a nivel xeral, as bases do seu traballo.
Difundir as experiencias
pioneiras que se fan en Ourense
No marco das
xornadas terá un papel clave a experiencia da monitorización neurofisiolóxica
intraoperatoria (MNIO) do Hospital Universitario de Ourense, primeiro hospital
galego en incorporar a cirurxía de aorta complexa as técnicas
neurofisiolóxicas, que diminúen os riscos de déficit neurolóxico postcirúrxico,
sistema que ata o momento só se emprega na provincia, realizándose entre 20 e
25 intervencións anuais.
A implantación
deste traballo conxunto entre Cirurxía Vascular e Neurofisioloxía foi aplicado
por vez primeira en 2020, e forma parte xa da súa carteira de servizos, con
grandes resultados. Afondando nesta colaboración, e tamén de xeito pioneiro a
nivel galego, desde o pasado ano 2022, o
servizo de neurofisioloxía tamén forma parte da planificación cirúrxica das
intervencións da arteria carótida, para previr o risco de accidente
cerebrovascular (ACV) durante esta delicada intervención.
Esta experiencia
será abordada precisamente pola especialista do Servizo de Cirurxía Vascular de
Ourense, Rosa Villardefrancos, no seu relatorio sobre "Parámetros clínicos e
cirúrxicos necesarios para a planificación da cirurxía de aorta” e pola
neurofisióloga Valeria Fra, actualmente exercendo en Vigo, e que contará a súa
experiencia en Ourense “Tecnicas neurofisiolóxicas empregadas na Cirurxía de
Aorta”.
Igualmente a
experiencia conxunta, dende hai máis de cinco anos, tamén pioneira a nivel
galego, entre Neurofisioloxía e o Servizo de Otorrinolaringoloxía de Ourense será
exposto no marco do módulo adicado ás experiencias clínicas nas que se aplica a
electromiografía larínxea (EMG-L) no relatorio “Trastornos da voz en
enfermidades neuromusculares”
Primeira xornada galega de actualización
O servizo de
Neurofisioloxía Clínica do Hospital Universitario de Ourense vive con ilusión a
organización desta primeira reunión científica na cidade, que se convertirá
este sábado en punto de encontro de neurofisiólogos de toda Galicia e do resto
do país, traballando en conxunto coa Sociedade Galega de Neurofisioloxía
Clínica (SOGAN) e co aval científico da Sociedade Española (SENFC).
O programa deseñado
polo comité organizador, formado polos doutores Eros Moreno Morales, Silvia A.
Paradelo e Adrián Baz López, reúne temas
de máximo interese e plena actualidade, destacando a participación ourensá en
áreas punteiras, como a cirurxía de aorta ou a a electromiografía larínxea a
electromiografía larínxea (EMG-L)), contando con relatores de primeiro nivel e
amplamente recoñecidos pola súa traxectorias
profesional.
O primeiro
bloque da xornada abarca unha ampla actualización no diagnóstico e manexo do
status epiléptico non convulsivo, contando para iso, con dúas especialistas de
referencia da unidade de epilepsia do Complexo Hospitalario Universitario de
Santiago de Compostela, Elva Pardellas Santiago e Xiana Rodríguez Osorio.
O segundo bloque
enfócase na área de monitorización intraoperatoria, desenvolta por especialistas
ourensáns, que convirten ao Hospital
Universitario de Ourense en pioneiro na súa aplicación na cirurxía de
aorta.
Finalmente, o
último bloque da xornada, está dedicado á electromiografía larínxea a (EMG-L),
poñendo unha vez máis de manifesto o traballo multidisplinar da especialidade.
Neste bloque contan con relatores, como a
presidenta da Sociedade Andaluza de Neurofisioloxía Clínica, a doutora Carmen Martínez
Aparicio, referente neste tema, acompañada de Rafael Hurtado Ruzza do HU de
Ourense. Ambos con perspectivas distintas e actualizadas dirixidas ao mesmo
obxectivo: a patoloxía neuromuscular laríngea
*Algunhas das Técnicas
diagnósticas de Neurofisioloxía Clínica
Electroencefalograma
(EEG): O EEG foi a
primeira que se desenvolveu. Consiste no rexistro da actividade bioeléctrica
cerebral en condicións basais de repouso, vixilia, sono e durante diversas
activacións (habitualmente hiperventilación e estimulación luminosa
intermitente). Permite o diagnóstico de enfermidades como a epilepsia,
encefalopatías, estados de coma, diagnóstico de morte cerebral e outros. Dentro
deste apartado tamén se atopan relacionadas técnicas como a corticografía e a
magnetoencefalografía.
Electromiografía: Electromiografía
é un conxunto de técnicas que permiten estudar a función dos nervios periféricos,
raíces nerviosas, unión neuromuscular ou músculo. Analizan a actividade
voluntaria do músculo e/o as conducións nerviosas motoras e sensitivas en
diversos segmentos do nervio. Dentro deste apartado tamén se atopan
relacionadas técnicas como a exploración do sistema vexetativo.
Potenciais evocados: Os potenciais
evocados avalían as respostas do sistema nervioso ante estímulos sensoriais específicos
coñecidos e normalizados. Empréganse estímulos luminosos para avaliar a vía
visual, estímulos acústicos para avaliar a vía auditiva, estímulos eléctricos
para avaliar a vía sensorial etc. Dentro deste apartado, tamén se encadran
técnicas relacionadas como a electrorretinografía, a electrooculografía, a
electrococleografía e as otoemisiones acústicas.
Monitorización
neurofisiolóxica intraoperatoria: Consiste na
aplicación das técnicas anteriores durante aquelas cirurxías que presentan un
alto risco de producir unha lesión neurolóxica- sobre-engadida á patoloxía
previa do paciente -co obxectivo de preveelas nos casos que sexa posible. As
técnicas a utilizar decídense conxuntamente entre neurofisioloxía e o equipo
cirúrxico, dependendo da área do sistema nervioso que estea en risco. Emprégase
en cirurxía de tumores do sistema nervioso (do cerebro, médula ou nervios
periféricos), na cirurxía de aneurismas vasculares, e en cirurxías de columna
de alto risco. Tamén se realizan os mapas de funcións co fin de determinar a
situación das áreas elocuentes cerebrais (as da linguaxe, motora, sensitiva,
...) para evitar a súa lesión durante a cirurxía.