O Hospital Universitario de Ourense súmase ás celebracións do
Día do Libro cunha actuación conxunta coa Agrupación Provincial de Libreiros de
Ourense, que traerán este domingo unha mesa da feira do libro á entrada do
hospital, no edificio Cristal de 11.00 a 14.00, e que doará as súas vendas a
proxectos de humanización.
Os máis cativos
comezaron hoxe mesmo coa celebración do Día do Libro, coa actuación de "Cucarandainas"
na Escola de Pediatría, promovida pola Agrupación de Libreiros. O seu presidente,
José María García Mosquera, e a vicepresidenta, Pilar Pilar Rodríguez Álvarez visitaron
esta mañá o hospital para doar libros para os cativos e cativas ingresadas, e reunirse coa xefa do servizo de Humanización e
Atención ao Paciente, Belén Piñeiro.
A colaboración nace
con vocación de continuidade, no marco das actuacións que periodicamente se
desenvolven co gallo da promoción da lectura, non só dos máis pequenos, xa que
un libro é unha das “prescricións” máis saudables no entorno sanitario, e a vía
máis rápida para deixar atrás os muros do hospital, as preocupacións e o tempo.
O quiosco da
Fundación Once tamén secundou as iniciativas de promoción da lectura e
mantén instalada unha mesa na entrada ao
hospital, polo novo edificio de hospitalización, coas novidades
editoriais.
Son moitas as
iniciativas da Área Sanitaria para facilitar o acceso aos libros, tanto
vehiculizando as doazóns cara os pacientes, como mantendo periodicamente un
sistema de préstamo, co carriño dos libros, que percorren as plantas grazas ao
traballo dos voluntarios de Apetéceme ser Amig@ da Área Sanitaria.
Tamén o pasado
ano, coincidindo co Día das Letras Galegas adicado ao autor de Córgomo,
Florencio Delgado Gurriarán, editouse unha tarxeta cunha das súas poesías e seu
retrato debuxado por unha das pacientes de pediatría, que deu os bos días a
todos os pacientes dos tres hospitais, no pequeno almorzo do 17 de maio. A
mesma poesía foi recitada polo persoal do Hospital Público de Valdeorras que se
sumou así a celebración das letras.
Un libro “prescrición” saudable
"Pequenos
pacientes, grandes lectores" é a iniciativa máis recente, no marco do convenio
coa Fundación Cultura "en Vena”. Está dirixida a estimular a escritura dos
pacientes ingresados, de entre 7 e 16 anos, escribindo un conto que formará parte
dunha biblioteca dixital, accesible para as persoas ingresadas nos hospitais
participantes de todas as idades, promovendo deste xeito a lectura e a reconexión
coa infancia, tan necesaria durante un ingreso.
Ademáis de formar
parte dunha biblioteca dixital en liña, unha selección dos contos participará
nunha exposición itinerante por hospitais e comunidades rurais. O prazo de
presentación de relatos estará aberto ata o 30 de xuño de 2023.