DÍA DO LIBRO NA BIBLIOTECA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL: “A REVOLUCIÓN FOI INTERNET E BIBLIOSAÚDE”
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 04 2023

​O día do libro celébrase mañá domingo 23 de abril, e, tendo en conta este día, as e os profesionais que traballan na Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol contan como ten cambiado o perfil dunha Biblioteca neste ámbito da saúde. Uxía Gutiérrez, Salomé Romero, e Pedro López destacan que “a revolución foi Internet e Bibliosaúde. Case ninguén vén xa por un libro físico, todo ten cambiado enormemente, xa se accede dixitalmente a case tódolos materiais”. Son máis de 36.000 as publicacións accesibles ós profesionais entre revistas e libros electrónicos.

A Biblioteca ofrece asesoramento á investigación coas procuras bibliográficas para distintas cuestións, como traballos fin de grao, teses, publicacións ou sesións clínicas, “axuda no manexo de ferramentas que sirvan para apoiar o labor asistencial no seu traballo diario”, remarcan. Axudan tamén na elaboración de revisións sistemáticas para coller datos de diversas bases.

“Orientamos en como funcionan as bases de datos, en cales son as máis axeitadas, e en que lles vai aportar esa ferramenta, xa que depende da necesidade que teñan escoller unha ou outra. Non é o mesmo a procura para unha tese que para estudar todo sobre unha patoloxía concreta”, afondan. Tamén se orienta na publicacións de artigos, e se valora e avalía que revistas son más axeitadas para facer público o seu traballo. 

Máis alá do libro

“Internet ten sido unha auténtica revolución no noso ámbito”, continúan. “Antes traballabamos con CD-ROM ou con libro físico, pero agora os profesionais acceden as 24 horas do día, os sete días da semana, a milleiros de contidos dende o portal Bibliosaúde e dende calquera punto de Galicia. “Ten cambiado moito o noso xeito de traballar, quizais a parte negativa é que se perde o contacto persoal. Antes viñan e, coa propia conversa, entendías o que precisaban e podías obter máis información. Ten sido un cambio grande cualitativa e cuantitativamente”, enfatizan. 

No pasado ano 2022, dende a Biblioteca realizaron máis de 3.000 accións relacionadas coa investigación e os coñecementos dos e das profesionais da Área. Así, tramitaron más de 2.600 documentos e artigos; iniciaron máis de 160 préstamos de libros; activaron máis de 125 procuras bibliográficas; fixeron 97 rexistros de produción científica da Área na base Sophos; e ingresaron 49 títulos en catálogos. “Colaboramos con calquera servizo hospitalario ou de primaria que o requira”, subliñan.

Ademais, acudiron a congresos e foros científicos sobre a materia; formaron a 857 profesionais en 8 cursos presenciais e en liña, e realizaron 6 números do seu Biblioboletín, no que dan conta ós traballadores e traballadoras de moi diversas cuestións, dende as publicacións realizadas ata novas ferramentas útiles para o traballo diario.

Un paseo pola historia da Biblioteca da ASF

Os primeiros fondos da biblioteca do Hospital Arquitecto Marcide datan do ano 1977, trala inauguración do hospital, no ano 1976. “Un grupo de médicos comezou a subscribir o que sería o núcleo da colección de publicacións periódicas do hospital con títulos tan  significativos como Lancet ou  New England Journal of Medicine”, recorda Uxía Gutiérrez, a integrante máis veterana da Biblioteca actual.

A contratación dunha bibliotecaria chega en xuño de 1990, que pon en funcionamento a biblioteca médica, que ata entón tiña un pequeno local na 5ª andar dereito do centro hospitalario, cunhas mesas, cadeiras, algúns andeis e unha fotocopiadora. Cómprase o primeiro computador e subscríbese en CD-ROM a base de datos Medline. “A tecnoloxía do CD-ROM desbancará ós tomos do Index Medicus en papel neses anos”, continúa a explicar.

Coa inauguración do centro de especialidades no ano 1993, a biblioteca trasladouse ó segundo andar do centro de especialidades. E, en decembro de 2003, comeza o traslado á localización actual no andar baixo. Actualmente, a localización segue sendo a mesma, e comparte espazo con Docencia, Formación e investigación que compoñen a Unidade de Soporte ó Coñecemento (USCO). Nos últimos meses do pasado ano 2022, remodelábase o arquivo e creábase unha nova sala multiusos de lectura, ordenadores para consulta, e pequena aula docente, xa que, como explicaban, Internet e Bibliosaúde revolucionaron o modo de acceso á información, o que permitiu dar outros usos ós espazos da antiga biblioteca e hemeroteca. 


Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde