ADOS PROMOVE UNHA NOVA CAMPAÑA ESPECIAL DE DOAZÓN DE SANGUE EN COLABORACIÓN CO LEYMA BÁSQUET CORUÑA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 04 2023
 

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), recoñece, un ano máis, o compromiso co solidario xesto da doazón de sangue ao Leyma Básquet Coruña, unha entidade deportiva que xa é un referente no desenvolvemento de iniciativas no eido da solidariedade.

A entidade deportiva, co obxectivo de promover a participación da cidadanía nas campañas de doazón de sangue, ao longo de toda esta semana está agasallando aos doantes da área sanitaria da Coruña que vaian doar, tanto ás unidades móbiles como ao local de doazón da Axencia nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, con dúas entradas para asistir ao encontro de LEB Oro, que disputará o equipo coruñés contra o Albacete Basket. As entradas distribuiranse ata esgotar as 300 dispoñibles.

Agasallo solidario

O Leyma Básquet Coruña quere agasallar aos doantes para, deste xeito, amosar o recoñecemento á solidaria contribución de moitos cidadáns que todos os días van doar sangue, para posibilitar a obtención das doazóns precisas para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos.

As entradas permitirán o acceso gratuíto para presenciar o encontro que o luns, 1 de maio, ás 12:30 horas, disputarán o Leyma Básquet Coruña e o Albacete Basquet no Palacio dos Deportes de Riazor.

Traxectoria solidaria

ADOS salienta a importancia deste tipo de iniciativas, que aunan valores solidarios co deporte, e na que os equipos de diversas disciplinas e categorías de Galicia xa desenvolven desde hai anos, sendo o Leyma Básquet Coruña un dos clubes pioneiros no impulso de campañas de sensibilización a prol da doazón de sangue.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue amosa o seu agradecemento ao constante apoio do Leyma Básquet Coruña a prol da creación dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue no seo da sociedade galega, así como desexarlle ao clube coruñés a consecución dos mellores resultados deportivos na presente tempada da LEB Oro, e que xa os ten levado a ser un dos máis destacados equipos da categoría, ostentando, neste momento, unha terceira posición na clasificación.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde